Achéganse as eleccións do 20-N. Axiña comezará a campaña e mantéñense os pontos de diferenza en intención de voto entre o PP e o PSOE nas enquisas. As eleccións parecen un mero trámite porque a derrota do Partido Socialista antóllase irremediable. Por moito que a familia da esquerda española peche filas e acudan todos a votar, o voto dos indecisos e dos non adscritos ideolóxicamente inclínase cara o Partido Popular. Mais un dato non deixa de chamar a atención. Ambos candidatos, Rubalcaba e Rajoy, suspenden na valoración que a cidadanía ten deles como políticos. É decir, que gañe quen gañe, gañará un señor que suspende. Ademais, trátase se alumnos repetidores, porque os dous formaron parte de governos da nación e son deputados en Cortes desde hai varias lexislaturas. Tamén chama a atención que os políticos sexan a terceira preocupación para os cidadáns. Isto non de extrañar, con mirar os xornais nos últimos días veremos que se seguen producindo casos de corrupción e detencións de concelleiros e alcaldes ao longo da xeografía hispana. Até o deputado autonómico do PP, señor Escribano, tivo que dimitir estes días por estar acusado de aceptar agasallos a cambio de prevaricar na Xunta a favor dun empresario. A inmoralidade está instalada na nosa sociedade, a nivel de grandes corrupcións e a nivel de pequenas corruptelas. Hai picaresca nas grandes empresas e entidades bancarias, mais tamén no cidadán de a pé. Mentres non te pillan es un tipo listo, un arteiro; cando te collen es un parvo, un miserable. E nós que podemos facer no medio deste paronarama caótico e desprezable? Pois propoñer ideas para cortar gastos porque non podemos ser os de sempre os que paguemos esta crise. Xa vemos como algúns ex-directivos da banca están dispostos a devolver parte das súas millonarias indemnizacións, mais tamén vemos como outros néganse en redondo, aducindo a legalidade dos seus contratos. Isto é: uns teñen aínda unha remota lembranza da ética e outros son, dicididamente, uns inmorais. Na próxima campaña falaráse moito do Senado. Todos queren afrontar agora a súa reforma. Isa que non quixeron afrontar durante todos estes anos. Unha parte importante da cidadanía prefire a súa disolución. Como sempre, a virtude, a mesura, está no medio. Evidentemente, o Senado non pode funcionar como funciona na actualidade -as veces trátase dunha Cámara onde se prexubilan os próceres dos partidos-, mais o Senado non debe desaparecer. Sería darlle un poder case absolutista ao Congreso. O que debemos e reducir o seu tamaño. Podemos pactar un número de senadores moi inferior ao actual. Poderíamos aforrar case dous mil millóns de euros anualmente se abordamos esta reforma. Unha cifra nada desprezable nos tempos que corren. Pódese facer dun xeito dinámico, non se precisa moito tempo para tomar unha decisión así. O que necesitamos é vontade política e máis presión por parte da cidadanía para que os partidos políticos contemplen esta posibilidade nos seus programas. E hai moitas máis cousas que se poden facer. Xa irán pasando asomando nesta columna devagariño pero sen pausa.