Até nas privilexiadas vacacións, crentes, agnósticos ou ateos, parados ou empregados, encadeámonos ás filas das rutinas, coas que se confeccionan o que agora chaman "produtos turísticos". Mercancía purpurinada no escaparate e sobre o mostrador, pouco específica, con doses da aventura do gato por lebre e que tenta confundir ó ser humano cun produto social manufacturado. Outra opción é quedarse entre as paredes da casa e da cidade, poñerse a organizar as lembranzas e as maltratadas propiedades. Teimudo e repetitivo mantra no que nos movemos, traballo ó fin. Muiñar, pesadelo do ir, vir, ir, vir, ir vir, levar, traer, levar traer... E sen sequera chegar a entendela, así gastamos a vida, entre as liturxias dese religar relixioso, facendo colas, en procesión, arredor dun couto ou adro cheo de medos, pero sen perder referencia do punto de partida. A vida é como a espiral do Xogo da Oca, un programa e a sorte dos dados sae no camiño. Movemos ficha entre venturas e desventuras, se non caemos antes atrapados por algures entre as trampas.

O progreso debúxase así. Por unha banda entre a ousadía dos novos, a de saír fóra da cola e do medo, con tantas vítimas por medio e nas cunetas dos camiños, e pola outra banda na estática prudencia dos vellos caducos meditabundos sobre o seu callado.

Espertamos, movémonos a golpe de trompeta e redobre de tambor. Desfile polas rúas e polas beirrarúas, desfile de modelos, desfile militar, desfile de santos, sotanas, togas, tangas, chaqués, máscaras... desfile a carón das oficinas do paro, das cociñas económicas... Cola esperando mesa, a calquera hora tras un mostrador ou unha taquilla e á porta dun saldo... Movémonos a pulos de batuta, de motor, de pasodobre, batuka entroideira ou marcha fúnebre... Acudimos ó trapo de color, ó golpe das dianas e das alboradas, tras a frauta ou o clarín. Desfiles pra mostrar o que temos e o que somos, ás veces como zombis inconscientes ou tamén adoutrinados e adoutrinando nos misterios do inexplicable. Pero con algo certo, repetido tantas veces e pouco asumido, que a unión fai a forza, ó menos unhas horas. Teatro sacro-profano da vida, viacrucis interpretados por sacrificados penitentes, nazarenos cotiáns e tamén por aplaudidores ou pasotas. Manifestamos o que queremos e o que somos a un mesmo e sórdido ritmo, marcando o paso, en fila.

Procesións de impulsivos consumidores do que nos botan. Somos o que consumimos. Cada día saímos en rutineira e instintiva procesión en busca do pan noso de cada día, como as aves migratorias buscando o bo tempo e alimento, como as formigas. Filas de penitentes polas beirarrúas ou enlatados en vehículos polo asfalto, autoflaxelándose, costeleiros de magoas e paquetes, da cesta da compra, de carteiras con papeis ou ferramentas de traballo, de pancartas, de imaxes de santos e de cirios esperando a mellor vontade por parte da providencia, ou simplemente nada ou todo o contrario, que é o máis probable. Cada quen anda e sube ó seu particular Calvario, coas súas caídas, entro o escarnio duns e a compaixón dos outros, coa axuda dalgún cireneo ou dunha santa muller que sae ó camiño. Poucos máis que dous ou tres quedan ó final de cada vida. Si acaso a piedade da nai ofrecendo o seu colo.

Populosas, momentáneas procesións de fe. Días despois observamos o espectáculo de como se abandonan e desvalixan os templos e eses santos de madeira, como se derruban os ídolos con pés de barro. Hispánicas necesidades, tradicións de velorios, de erguer cara ó ceo altares, catafalcos, brandir bandeiras, espadas, estandartes, pancartas ou ataúdes co noso particular INRI, imaxes de santos escarnecidos, de heroes, guerreiros e toureiros. Alzalos sobre piares ou peañas, sobre árbores, sobre cabalos, tronos, nubes ou sobre ombros afeitos a aturalo todo, pra sacalos en procesión co seu aceno estático, de piedade vernizada, entre cirios, flores, incensos. E como música de fondo, as militares en repetitivo ritmo, marcando o paso. Tuteamos a veneradas imaxes coa mirada á altura de balcón. Necesidade de ter líderes, de upalos, de sacalos en procesión, coa súa mirada estática, de cartón pedra envolta entre vernices e purpurinas, para logo flaxelalos e crucificalos.

Marcando o paso, desfilamos. Saímos ou entramos en procesións de xente, de vehículos , os mesmos días e ás mesmas horas, polas estradas, uns tras o escape dos outros, tras os semáforos, tras os peaxes... Polo día tuneando o asfalto en caprichosas doas de cores, pola noite en focos de luz e intermitencias roxas. Saír dunha rutina pra entrar noutra rutina. O "asunto e ir e despois vir.... camiño de ningures". O calvario de cada día, das semanas de nosa santa vida.

Costa arriba, por moita tradición ou devoción que haxa. Costa máis a gasolina, as peaxes, xantar, pasar o día e a noite. Cústalle ás cofrarías pertrechar os pasos de purpurinas, flores e músicas, mesmo xuntar costeleiros pra erguer pesos de madeira, cirios e flores, bailalos e movelos... e non hai milagres. Desfila a crise con Cristo no camiño do Calvario.