As liñas da crise seguen en picado o seu desacougante camiño polas gráficas. A riqueza dalgúns supón a desgraza doutros nesta sociedade tan competitiva e selectiva, de rankings, de numbers one, de premios, medallas e galardóns. O feudalismo modernízase e incluso se lle abre paso. Os irmandiños de hoxe maniféstanse abaneando as mans ó ceo e o centralismo imperial funde nun ós buchinches bancarios dos que se foron coas mans cheas. O mundo desequilíbrase entre uns poucos privilexiados e todos os demais a velas vir.

Remata o mes bisagra de Maio, días de flores, de exames, de pancartas, de alfombras roxas para os VIP, final e principio dun camiño escolar, final de liga tamén. Bágoas de emoción ou frustración ante as metas marcadas que foron ou non foron. Vivir para algo máis que para ver.

Tempo ideal para erguerse do sofá-cama, para saír da casa e meterse na historia das realidades. Compre saber enxergar, pois cunha simple ollada xa se pode catar o estado da cuestión. Na penúltima xornada de liga A Coruña preparábase para un ascenso do Deportivo á Primeira División, xogando en Riazor ante o Huesca. E así foi, fin de semana e mencer de luns de festa. A poboación moza, en paro, non ten que madrugar, pero persiste nas esperanzas. Ó menos o Deportivo acosado é un exemplo de resistencia. Recorrido triunfal do equipo sementando ilusión, disfrazando de azul e branco difíciles días. O espectáculo do fútbol atrae afección ó local fronte ó global, move transporte, a hostalería, ilusións...

A máis dos desfalcos, neste porto poucas cousas fenden coa rutina. Si acaso un cruceiro que arriba, unha marea futbolística, entre unha e outra festa tradicional e algún que outro invento provinte da ilustración municipal.

Noutras partes de Europa séguese con rituais máis glamurosos, entre cumes políticas que se normalizan. Na Costa Azul Provenzal deuse fin ás xornadas da entrega da Palma de Ouro do Cannes Film festival, competitivo bastión da produción cinematográfica europea fronte a Hollywood. Os parámetros da liturxia son semellantes, poses con disfraces distintos: alfombra roxa, photo call, metralla de flashes sobre as máscaras maquilladas, celebridades do papel cuché e do plasma, femininas estrelas humanas vestidas de raso, saias maxis e minis sucedáneas de Gaultier, sempre mostrando cacha. Galas, excentricidade, erotismo, paiolismo e pretexto para seguir rebozando a crise galopante con neóns, purpurina, sobrecarga de bixutería e confeti. Roman Polanski sae do seu arresto domiciliario por perverter a menores... presentación de adolescentes princesas de Mónaco.... Eros e Tánatos, fogueira de vanitas vanitatis camiñan de ganchete pola alfombra roxa. Berlín, Donostia, Karlovy Vary ou Venecia, tamén teñen o seu festival, entre outros de división máis baixa e intentos fracasados, como aquel Festival de Cine de Humor na Coruña, que abortou no seu dispendio kitch, entre saraos, algareo erótico-festivo e glamour de pacotilla. Navalcarnero seguiu coa iniciativa coruñesa.

Tamén neste extremo e retranqueiro occidente celebramos o noso particular IX Festival de Cans de audiovisual. É na aldea de Cans do Condado, entre O Porriño e Ponteareas, entre o asfalto da autovía, unha paisaxe vixiada polo Castelo de Vilasobroso e limitada por moles graníticas con formas estrañas e canteiras... Encontro por obra e graza da Agrupación Cultural Arela do Porriño, apenas sen presuposto, pero capaz neste maio do 2012 de acoller catro días para pase de curtos, largometraxes, presentación de novas experiencias e o seu particular paseillo polo "Cans voulevar", coa entrega dos "Cans de Pedra" e 200 euros en metálico ós premiados... remate na taberna. E Antón Reixa, novo presidente da SGAE por medio, el que xa recibira a estatuíña do premio de honra deste festival, o "Pedigree", outorgado pola súa incansable traxectoria nesto da farándula. Pero tamén Morris, María Pujalte... moita música e cervexa por medio, que é moi tribal e céltico iso de botellonizar toda festa con mesturas alquímicas e calimochos.

Noutra banda xeográfica o discreto encanto da burguesía faise máis indiscreto e coa desfachatez de abandeirar progresía (a conta dos demais). Foi o que sentimos tamén neste último fin de semana de maio nesa parte da "Galiza irredenta" que dicía o Padre Sarmiento, ó referirse ó Bierzo. Tamén cando as cereixas pintan en coloradas: na Ponferrada extemplaria tendíanse alfombras roxas até o Teatro Bergidum para a entrega dos "Micrófonos de Ouro"... e logo cea no Castelo e o imprescindible e selectivo sarao. O armadanzas de todo, e non podía ser doutro xeito nestas latitudes, é sempre o periodista das ondas radiofónicas, asentado en Barcelona, Luis del Olmo, presidente de Honra da Asociación de Radio e Televisión pero sempre de ida e volta para a súa terra do mencía e do botelo. Por aquí síntese herdeiro e abandeirado das tradicións feudais templarias, neste caso de máis capa e menos espada e con todos os dereitos. O que por aquí diga o señor Del Olmo vai a misa e en Ponferrada ten templo e museo Seu . A máis ten calle e monumento, un pesado e poderoso busto en rotonda, coa súa predominante nariz, metáfora da botelo que tanto popagandiza polas ondas. E aquí os amigos da política e da empresa réndenlle vasalaxe, tributo e mecenado. Así o volveron a facer o pasado fin de semana, Iberdola, Telefónica, o Concello... máis nesta non vin o logo de Bankia... Ir e vir de coches de alta gama, hoteis ocupados, e xa non o mítico Hotel Temple, agora tamén o Hotel Celusima, na exuberante Torre da Rosaleda, obra do arquitecto asturiano Juan Francisco Álvarez Quirós, o rañaceos máis alto do Noroeste da pel de touro ibérica cravado como unha cruz de ferro no val da Ponsferrata. Non podía ser doutro xeito, o observatorio, a planta máis alta da torre é do señor Luis del Olmo e sería para Onda Cero, o resto espazos para oficinas, negocios e pisos co cartel de se vende. Torre ensombrecida e ensombrecedora da crise en Ponferrada.

As forzas públicas prepararon a capital do Bierzo para aquel sábado: macetas con plantas de plástico, caleánrose os grafitis da Calle Ancha, da Praza Maior, do Arco do Reloxo, da Praza da Encina, deica acceder a ese castelo, máis de Hollywood que nunca para unha cea entre artistas á luz dos fachóns. A televisión berciana parouse a retransmitir a entrada, a entrega, as tertulias cos premiados no escenario do nostálxico Teatro Bergidum. Todo endomingado para un evento que trata de revitalizar unhas horas unha fermosa e vetusta urbe rehabilitada e hoxe máis sumida que nunca na cruel crise mineira. Espectáculo para algún que outro ponferradino, peregrinos e turistas entre os que estábamos cun berro reprimido nun serán de andoriñas e cirrios, de ceos roxos, con nubes competindo co monte Aquiana.

Ilustres premiados, complementando a nómina dos de sempre, fotografías da súa faciana cubrindo a fachada do teatro. A palabra máis escoitada no evento foi a de crise. A loita mineira tamén tivo un apartado entre os picos de ouro. As mulleres dos mineiros protestaron en silencio ás portas do teatro: na conca de Santa Cruz do Sil, oito mineiros seguen pechados a 300 metros de fondura en folga polos recortes.... Presentou a gala o imprescindible Luis del Olmo e Mariló Montero, entrevistaron ós premiados, todos apremados polo acontecer: O Dúo Dinámico cantou Resistiré... e todos tan contentos e comprometidos, sentados e solidarios coa causa... Pío García Escudero, presidente do Senado, prometía mediar, compartía premio do Micrófono de Ouro, na categoría de política, nin máis nin menos que con Paco Vázquez, señor de millenium de vidro holandés, de farolas con esmaltes e tranvías de xoguete... Rosa Villacastín dedicoulle o seu premio ós colegas periodistas en paro, Imanol Arias, outro dos guapos premiados, nese seu característico ton de Cuéntame... contou que baixo o sétimo piar de cemento da ponte do encoro de Riaño está a súa casa asulagada... Isabel San Sebastián, tamén premiada, sentíase como Agustina de Aragón en ambiente tan democrático. Dyango, Rafael Amargo, Punset, Pepe Sancho, Peret, Raphael e algún máis tamén foron galardoados nesta edición, como o galego Bieito Rubido, director de ABC, que levou o premio á prensa, como Xavier Fortes, das tertulias do canal 24, premiado a última hora. E tampouco faltou Carmen Lomana... Estampa do acontecer. Hoxe é outro día.