Si, cando cheguemos ó domingo 25, xa saberemos por quen votaron os cataláns. E non vén o caso proxectarse antes de tempo nestes días previos de meditación. Falemos da riqueza lingüística. En España, ás veces hai que recordalo, existen catro linguas ou idiomas: o español, o catalán, o galego e o vascuence. Distingamos tamén: linguaxe non é o mesmo que lingua. Linguaxe é a facultade humana de poder establecer comunicación mediante sinais orais e escritos. Se carecemos desta facultade temos un problema patolóxico, de saúde. Non se debe dicir "linguaxe española", nin "linguaxe alemá", pero si lingua española ou idioma catalán, ou idioma galego ou idioma español.

Tamén importa moito distinguir as nocións de lingua e dialecto. Moita xente non ten isto moi claro. Toda lingua é un dialecto respecto de aquela da que procede. Así, o castelán, o catalán, o italiano, o galego, o francés, etc., son dialectos do latín. Así mesmo, o andaluz ou o canario son dialectos do castelán; o valenciano e o mallorquín son dialectos do catalán. O latín mesmo é un dialecto do primitivo indoeuropeo.

Cando dicimos que o castelán, o galego, o catalán, o vascuence, o italiano, o ruso, etc., son linguas, xa non pensamos na súa procedencia.

Os tres idiomas dos que estamos falando: galego, castelá e vascuence, foron reprimidos na península.

O galego estivo prohibido: "Hable bien, no seas bárbaro. Hable la lengua del Imperio". Ou a moitos baixábannos a nota, nada menos que en urbanidade: "Conduta 9, sobresaliente. Urbanidade 5 puntos, aprobado, Vd. habla mucho gallego en el patio".

Pero estes que o prohibiron; hoxe están "criando malvas" enterrados, non de xardineiros, como me dixo o meu bo e recordado alumno.

Recordemos en días tan sinalados para a nosa irmá catalá, a evolución empezando pola lingua. E veremos como de aqueles lamas viñeron estes pos.

O ABC publicaba en 1924, baixo a ditadura de Primo de Rivera, as disposicións represivas do emprego do catalán. Era un intento torpe de sufocar o nacionalismo.

Ante esta basta intentona publicaron un manifesto en defensa do "idioma irmán", texto inflamado do máis acendrado patriotismo, no que se recordaba "que as glorias de Cataluña son glorias españolas".

Aquel manifesto publicouse nas páxinas de ABC. E asinábano: desde Azaña a Ángel Herrera Oria; desde Concha Espina a Lorca; desde Azorín a Marañón; con Ortega y Gasset, Menéndez Pidal e Sánchez Albornoz.

Pemán en 1970 recordaba as tropelías lingüísticas da Barcelona tomada polos nacionais, previña sobre a imposibilidade de ignorar o bilingüismo e concluía estampando un dos máis fermosos piropos que un escritor catalán lle teña dedicado a lingua catalá: "Hablar o leer a aprender el catalán es un hecho simplicísimo. Se trata de beber un vaso de agua clara".

A aprendizaxe, o fomento, a difusión, a exaltación do catalán, a exhortación ó seu mellor coñecemento e máximo respecto no resto de España e fóra dela, a lingua e os políticos cataláns gozarán do noso máis cálido respaldo. Pero esta nosa disposición non pode avalar o artificioso empeño coactivo de desaloxar o castelán do ensino, a vida administrativa e o uso social nunha comunidade sociolóxica, psicolóxica, cultural e historicamente bilingüe.

E recordamos a Constitución, cando distingue entre o "deber" de coñecer o castelán e o "dereito" de usar outras linguas españolas.

Dos aproximadamente sete millóns de cataláns, tres millóns seiscentos mil proceden da emigración. A mellor loa que cabe para Cataluña e da vocación acolledora é que, en condicións non favorables, na súa inmensa maioría, aqueles emigrantes quixeron adoptar o catalán como forma espontánea de integración.

Aleix Vidal-Quadras dixo: "Cataluña é un escenario lingüístico privilexiado, natural e espontaneamente bilingüe... calquera imposición coactiva de natureza xurídica o administrativa, só pode ter consecuencias contraproducentes".

O catalán procede da fragmentación do latín, como o galego e outros...

O problema científico do catalán, a súa orixe, foi moi debatida. Hoxe está resolto o problema. O catalán orixinouse do latín, non do provenzal, nin do lemosín, e segundo a liña iberorrománica e non galorrománica.

Falaremos noutro momento, porque se chama castelán e tamén dicionario "de la lengua española". Esperemos o resultado dos vosos votos.