‘Nin o imaxinas’ aborda hoxe na TVG a suba do mar e o meteoro que iluminou Galicia

O programa que se emite as noites do domingo, a partires das 22.00 horas na Televisión de Galicia, reta a nosa imaxinación conxugando a realidade virtual

A praia de Samil e gran parte da costa de Vigo desaparecerá como consecuencia da suba do nivel do mar. Así o recolle un estudo recente da Axencia Espacial Norteamericana, a NASA, que falou en exclusiva para o programa de Televisión de Galicia Nin o imaxinas. O espazo tamén imaxina o futuro AVE que unirá Lugo e Ourense facendo parada en Monforte. E descubrirá cantos euros aforraron os agricultores grazas á calixe do Sáhara caída no campo galego. Todo isto e moito máis, son as propostas que trae esta semana o novo programa de realidade virtual da TVG.

O segundo programa de Nin o imaxinas adiantarase na suposta desaparición de toda a praia de Samil e tamén doutros areais como o Vao, a illa de Toralla, a praia de Rodas nas Cíes e gran parte da franxa costeira da cidade de Vigo. E todo isto, debido á suba do nivel do mar.

Segundo o informe da NASA, o que agora vemos como moi lonxe no tempo supón un verdadeiro perigo que se fará realidade en poucos anos. Investigadores desta Axencia Espacial Norteamericana, da Universidade de Vigo, e do Instituto Español de Oceanografía contarán todos os cambios que sufrirá o nivel do mar nos próximos 125 anos e como afectará a Vigo. Ademáis a cidade olívica non será a único. Este mesmo efecto se vivirá noutras vilas e cidades galegas coma Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Viveiro ou Foz.

As infraestruturas e a forma en que viaxamos viven nunha constante transformación. Estase intentando que haxa, cada vez, unha maior fluidez e, por suposto, en Galicia non queremos quedar atrás. Por iso Nin o imaxinas presenta este domingo como sería o futuro AVE que debera unir as cidades de Ourense e Lugo, parando en Monforte de Lemos. Seguindo o modelo da Estación Intermodal de Vigo e, contando coa testemuña da directora comercial de Adif presentamos o traxecto entre Lugo con Ourense, mediante o tren AVE, pasando por Monforte de Lemos.

Como non podía ser doutro xeito, o programa lembrará, ademais, o glorioso pasado ferroviario de Monforte de Lemos. Foi unha das capitais ferroviarias de España durante décadas e o centro neurálxico da comunicación ferroviaria a nivel Galicia. Como novidade da semana, Nin o imaxinas abordará polo miúdo, como vai a afectar ao turismo a estrea dos trenes Avril, activos dende o pasado martes, 21 de maio.

Nos últimos anos, Galicia viuse afectada, en diferentes ocasións, pola chegada de calixe procedente de África. A calixe pode facer que os agricultores galegos aforren cartos? Ímolo descubrir esta noite de domingo grazas ao estudo dun enxeñeiro agrónomo. Tamén tratará con diferentes agricultores, que recordan o episodio de calixe sahariana que se viviu no ano 2022. Tamén analizará cales son os efectos negativos para a saúde destas partículas presentes no aire. E o que moitos non saben, será a calixe un substituto dos fertilizantes? Saberémolo grazas aos apuntes sobre as vendas de fertilizantes dunha profesional do sector.

Meteoro polo ceo galego

Viron como un meteoro iluminou o ceo de Galicia na noite do pasado sábado? Se non foi así, poderán facerse unha idea moi cercana ao vivido grazas á realidade virtual. Ademais, o programa contará coas explicacións do astrónomo José Ángel Docobo e do divulgador David Domínguez, acompañadas das de varias testemuñas.

Outro feito a destacar da semana foi o frío impropio do mes de maio que se viviu en diferentes zonas da comunidade. Unha das máis afectadas foi Pedrafita do Cebreiro, onde hostaleiros, agricultores e, mesmo traballadores das quitaneves, contan como afectan estas baixas temperaturas aos seus traballos e ao día a día.

Nin o imaxinas reta, cada vez en maior medida, á nosa imaxinación. Todo o posible e o imposible, este domingo, a partires das dez da noite, na Televisión de Galicia.