Opartido aburriu a algúns que estaban a ollar a televisión e so falaban do que xogara o martes o Madrid. Preguntei se eran da Coruña, por iso de saber, dixeron algo así como da Coruña a un lado. Xa me parecía. Que o xogo foi aburrido? Penso que non. Foi un partido interesante. Un partido dos que hai que ver, aínda que para esa xente puidese ser tan aburrido como para min un de béisbol, do que non sei absolutamente nada. Ollouse o traballo de Fernando Vázquez e de Diego Simeone. Ollouse que os xogadores saben que teñen que facer. Certo que para un paisano neutral pode resultar insulso porque non houbo goles, houbo poucas ocasións, e houbo moita táctica. Para un paixonal, como mesmo podo chegar a ser eu, o encontro rematou cun cabreo tremendo por mor dun paisano que cada vez que sae a pitar monta o seu número. É deses que fai todo o preciso para que se fale del porque sabe que os protagonistas son os futbolistas. Onte errou, por dicir algo respetuoso, nas tres xogadas decisivas do encontro. Houbo dous penaltis a prol do Deportivo, non pitou ningún; e houbo un gol legal do Atlético que anulou. Podería engadir saques de banda que non pitaron, saques de portería que non ven. Foron tantos erros os de onte que xa non sei. Para quen me ataque, é certo que un futbolista erra e dicimos que tivo mala sorte. Dicímolo en xeral. Tamén dicimos, polo menos eu, que hai xogadas que non chegas ver con claridade. Sei o que é iso. Agora, se os técnicos levaron o partido ao seu terreo, ao que plantexaron, non pode chegar alguén cunha suficiencia fóra de lugar a estragar toda esta historia. Neste caso ao Deportivo.