É sempre de celebrar que un cuartel que garda historias de disciplinas, estratexias militares, batallóns, burocracias e contubernios se converta en centro cultural; que o solemne prisma dun edificio neoclásico que serviu para Goberno Militar pase a ser agora Foro Cívico no corazón da Cidade Vella da Coruña. E que ofreza os seus cuartos, corredores acicalados en branco, iluminados por claraboias para o encontro e a creatividade. Xeito de contribuír á rehabilitación e revitalización da cidade histórica. Aínda que todo dependerá da xestión, das ideas e da constancia. Cousas así determinan o estado de saúde cultural dun pobo. Algo conseguido nun serodio e inmaturo proceso. Pero aínda queda máis por estes coutos urbanos, cando Defensa, e pra quen o esquecera, remarca a súa propiedade no que foi Campo da Estrada, apropiado polos cuarteis artilleiros de Maestranza . O tempo, a sociedade, os poderes e as xestións determinarán.

Entre a maraña de semellantes asuntos o caserón do Goberno, designado dende a administración municipal co pouco creativo e burocrático nome de Centro Cívico Municipal da Cidade Vella, ábrese pra mostrar valores inmediatos, acollidos entre as pantasmas de paramentos que se erguen sobre a croa orixinaria da Coruña, a que ten como cimo a Colexiata de Santa María dos Mareantes e a casa de triste historia que foi do Ilustrado Xosé Cornide. E faino cun veciño desta mesma praza, o arquitecto, profesor das Escolas Técnicas de Arquitectura Superior da Coruña e de Guimarâes , o creador de formas Fernando Blanco Guerra. Mostra realizada baixo a suxestión do epígrafe de Pinturas nas Paredes 2015.

Escribo do que quero, son parcial no tema, non é pra menos e facémolo con moito gusto, xa que coñecemos a Fernando Blanco, pra nós Fernando Celta dende sempre. Somos do mesmo tempo e desa encrucillada ou orixinario carrefour que é o Carballiño, educados tras un mostrador, fillos de pais comerciantes, el do Celta, mercería de láns, fíos de todas as cores, paquetería, confeccións... e tras de todo un pai promotor de iniciativas culturais galegas naquela que a Pardo Bazán acuñara como Vilamorta, tan en contraste con esta Marineda na que agora coincidimos. Cantería do que somos, que importará no futuro. Compartimos catequese nacionalcatolicista arredor dun párroco aluado, enredado na construción dunha igrexa-castelo deseñada por Antonio Palacios, que sumaba pedras galegas, saberes de artesáns canteiros, albaneis e tamén a Historia da Arquitectura. Entre esas os irmáns Celta eran referentes armadanzas en montar Beléns. Fomos raparigos da OAC, que non era outra cousa que Organización Atlética Carballiñesa, co mérito de gañarlle aos contrincantes de Ribadavia. Fernando era áxil como unha pantera, corredor de fondo. Mozos esperanzados en días de guateques baixo a música de Dylan, dos Beatles ou dos Rolling.... logo de Jose Afonso. Curiosamente aquel Carballiño de veraneantes, de agüistas, feirantes e tamén dalgún estraperlista, presumía de casas e chalés, obras antolóxicas de bos canteiros, aínda que de vagar comezaba a destruírse pola irracionalidade especulativa, a máis berce de interesantes arquitectos da contemporaneidade, comezando por Manuel Gallego Jorreto. Mesmo fomos universitarios rebeldes do 68; il alumno da Escola de Arquitectura nesa Barcelona que acolle e se nutre de toda bohemia, a que daquela era do patriarca poeta Espríu, do informal Tapies, do controvertido Jaime Gil de Biedma, do pintor travesti Pérez Ocaña, dos cantoautores Serrat, Raimon, Llac , María do Mar Bonet, do pacifista Xirinacs, do arquitecto e contestatario profesor Oriol Bohigas.... da Escola de Barcelona, caracterizada pola experimentación e a anovación. Oriente polo que alboraban liberdades neste noso ensombrecido occidente.

Fernando Blanco retorna de Barcelona ao Carballiño, atopa traballos e retiro na aldea de Moldes, entre o lumpen retrata o tempo dos que quedaron a velas vir, ao lembrado Bieito Mereche. Logo terá intensa actividade nese Ourense dos Artistiñas, arquitecto contrapelo, tentando fender con tópicos nos que permanecen presos promotores , até que no Ribeiro de Leiro atopa con alguén, como il, innovador e de iniciativa, Xavier Alén, co encargo da rehabilitación do Pazo de Meín en adega para a produción de viños, así como a unha casa en San Clodio para turismo, Dona Branca, construcións que marcarán un antes e un despois.

Fernando Blanco é un arquitecto do seu tempo, de máis goma de borrar que de lapis, de elementalidade de liñas, que sabe aproveitar o que se lle entrega, o que hai que conservar e como integralo na contemporaneidade, na funcionalidade e no contexto. As súas obras entrarán no punto de mira, no debate sobre unha nova arquitectura.

Un nútrese da súa propia historia, un é o que fai, consciente, investigando ou mesmo automaticamente soltando canto leva na inconsciencia, verténdoo sobre soportes típicos ou atípicos, incluso reciclando canto atopa nesta sociedade de supermercados.

Así é que coñecemos obras de Fernando Blanco dende os seus inicios: aquel op-art dos seus cartaces, con resonancias de Vasarely, aquela ilustración para un libro de pretensiosos escritores do Carballiño, entre os que eu estaba, reflectindo a parábola dun árbore murcho, sen follas, soamente cunha mazá pendurada e baixo a horizontal da terra, moi fondas e extensas as raiceiras...

Fernando Blanco móstrasenos agora, faino tal cal é, áxil, improvisador, rebelde, ceibe, abstracto, expresionista, deconstructivista, reaccionando contra as xeometrías do cartabón e do compás, contra o cubismo, a arquitectura, contra canto o couta, entre fíos, liñas soltas, disparadas, un cosmos caótico, desacougante, en contraste de formas e cores, remuíño que zuga ao espectador.

Fernando Blanco é un tío positivo, sempiterno bohemio, que se move por todos os barrios, altos e baixos, furanchos, tabernas, universidades populares, de conversa coa xente do común, non gusta nin anda en lobbys, máis ben lonxe do convencional, por iso fai o que fai con liberdade. Lía e deslía, enguedella, desmaraña e enmaraña, fía, devana, ensarilla para un xestual tear de fíos desconcertados na encrucillada da arte informal, de Pollock, Debuffet, Paliakoff ou entre nós o lembrado Datas do final. Dismitificador, envolto nese informalismo de desguace, arañeira, remuíño, arroba, bucle, croque, arroutada, burato, arañeira ou madeixa, enredo, roturas xeométricas, arritmias, xestualismo, tachismo, Art informel ao que nin sequera se quere someter, como pra fender fronteiras, xeometrías arquitectónicas. E así soltar liñas e disparalas en soportes atípicos, en colocación improvisada, cadros pousados, agardando...

Mensaxe que ao cabo condúcenos ao principio e ao fin de todo, o mesmo que moveu a Picasso, núcleo do ser ou do non ser, o Eros e Thánatos, entre amores e desamores.

En forma e fondo, a través das xanelas das obras de Fernando Blanco e da súa colocación enganchamos nunha teoría que nos asolaga na provisionalidade, no automatismo de albañil, a golpe de paleta e de pincel. Diálogo nun caserón cinguido por xeometrías e teorías masónicas, por ecoares de disciplina militar para abrirnos a unha feira ou romaría de liñas ceibes que se enredan en si mesmas. Todo é liña, isóbaras do que fomos e do que somos.