As relacións galegas con Venezuela pérdense nos anos prepotentes das conquistas e do paso de Colón pola que era considerada un novo Edén, "Terra de Gracia". Sen esquecer o orixe coruñés dos devanceiros do prócer liberador, Simón Bolivar, descendente dos Jaspe Montenegro, do Pazo de Pena Redonda en Palavea, onde incluso no mes de xullo de 1802, de retorno dende Madrid, pasa días de lúa de mel, para embarcar de seguido. Predios históricos que no ano 1975 comezaron a destruírse de vagar pola ampliación dun centro escolar. Houbo algunha tímida chamada de atención por parte dos académico Vales Villamarín, Xoán Naya ou ou servidor. Mesmo da Hirmandade Galega de Caracas mandouse ao pontevedrés Xosé Sesto López co ansia de adquirila para centro de estudos iberoamericanos. Sen máis resultado que, nas súas proximidades, erixir un monólito esculpido por Ferreiro Badía, hoxe perdido entre os lazos de asfalto de acceso á cidade. Dende entón mantivemos unha fonda amizade co galeguista Xosé Sesto, quen, entre grandes creadores, fora bolseiro pola Deputación de Pontevedra nos tempos de Daniel dela Sota, a derradeira persoa que estivo con Bóveda, pai de ministro con Chavez, Farruco Sesto Novás, o mesmo que, con outros, animou a Celso Emilio a irse a aquel país. Até a súa morte entretivemos a Sesto en Galiza, incluso pintounos uns murais na capela do Castelo de S. Antón.

Apelidos galegos, como Castro, Mariño, Reinoso, Arauxo, Seixas, Lobeira, Meneses, Zea, Baiona, Fonseca, Lugo, Figueroa, Deza, Maldonado... inzan a xeografía venezolana, aséntanse, mestúranse e fanse crioulos. Esta mesma procedencia tiveron Diego de Losada, Francisco Fajardo e Xoán Rodriguez Suárez, os fundadores de Caracas, entre os miles de aforcados por formar e liberar esta xa súa nova patria. Xosé Sesto estudou e espallou estas cuestións.

Neste breve repaso convén lembrar que na interminable historia emigrante dos homes e mulleres galegas, a mediados dos cincuenta, reábrense novas vías e esperanzas para moitos mozos, agora o reclamo e o refuxio estará en Panamá, onde xa tantos morreran construíndo o canal, en México, país que tantos exiliados e fuxidos da ditadura española recollera e Venezuela. A emigración, efecto con causa nunha política económica cega e xorda coas posibilidades da terra, do mar, da xente e da cultura. Os portos de Vigo e a Coruña, as consignatarias recobraron nova vida. O Monte Umbe, o Begoña, o Monserrat, o Santa María foron nomes de trasatlánticos que deixaron ronsel de tristeira memoria, mesmo este último foi secuestrado nunha trama galaico portuguesa, centralizada en Venezuela, na que non se afondou aínda demasiado, protagonizada polos galegos Xosé Velo, de Celanova e Xosé Fernández Vázquez, alias comandante Sotomayor, da Pobra do Caramiñal , xunto co portugués Henrique Galvao. Foi aquela a célebre operación Dulcinea: Secuestro da moderna nave en xaneiro de 1961, no ánimo estaba chamar a atención sobre as ditaduras de Salazar en Portugal e a de Franco en España. Lembramos as noticias e as testemuñas dos galegos que viviron aqueles feitos, acalados e edulcorados polas ditaduras ibéricas.

Golpe a golpe do caudillismo en busca dunha democracia en Venezuela: as tentativas do escritor e efémero presidente, Rómulo Gallegos (1948), os floridos anos de Rómulo Betancout (1959-64) seguido de treboadas políticas amainadas por Rafael Caldera (1969-74/1994-99) e abertos os anos setenta con Carlos Andrés Pérez (1989-93) e Herrera Campis (1979-84)... floridos momentos aproveitados por unha emigración que se enriquece... e novas as tensións.

Hai de todo entre os que deixan detrás a casa, aos seus e se lanzan á aventura da vida en contra da mesma vida nese sedutor e aguilloante Trópico de Cancro. O poeta Celso Emilio Ferreiro, na alongada noite de pedra, convencido por aqueles amigos, fai as maletas e desembarca na Guaira. O ambiente, o clima rechía pro poeta e velaí o resultado sincero, cru, que non a todos convence, o Viaxe ao país dos ananos. Denuncia aos desclasados, aos que cifran todo no poder dos cartos. Individuos ben coñecidos polos nativos como os "musu" algo así como os "gachupíns" en México, os explotadores foráneos, sen escrúpulos. O creador galego, emigrante na Arxentina, Luis Seoane, contesta axiña, lembra que hai outros galegos, os que deixaron a vida dando, construíndo patrias que non eran as súas.

Anos de esplendor para moitos galegos que montaron as súas carnicerías no Junquito, camiño pola serra de Caracas á alemana colonia Tovar. Bares, panaderías, talleres de reparación de todo na Praza da Candelaria, no corazón da mesma capital... Novas iniciativas, amplíase a Hirmadade Galega a Valle Fresco, mesmo ofrécense a outras comunidades de emigrantes.

Venezuela, apetecible bocado do cono sur das Américas, como advertiu Ernesto Guevara. Paraíso terreal que ofrece recursos naturais e humanos, baixo a mirada depredadora, como para experimentar os sofisticados sistemas da neocolonización. País aínda sen organizar politicamente, economicamente, cunha economía subterránea, sen marco normativo, sen rexistros... e a río revolto. Non temos máis que desembarcar no aeroporto de Maiquetía para ollar a unha e outra banda da autoestrada un horizonte interminable de ranchitos, cobertizos de lata, cartón e ladrillo... onde mesmo lle resulta imposible entrar á policía. A seguridade vese afectada. Fame, roubos, secuestros... moeda hoxe desprezada. E a espallar teorías, populismo de tuits, de frases feitas cando hai que lidar coas realidades, cos escintilantes muros de aceiro do stablishment. Sempre á beira do intervencionismo. En contraste coas grandes e amuralladas mansións baixo o monte Avila, ambiente con arrecendo a petróleo e a anana.

Moitos enriquecéronse antes, outros traficando coas penurias... e os mais a velas vir, o carpe diem. O asunto é que todos contribuíron a nutrir a banca de España e as caixas de Galicia, agora Abanca, con base capitalista en Venezuela, pra animar o comercio en vilas galegas, sobrevivindo do comercio para emigrantes.

E nesas revirivoltas da política uns e outros galegos colaboraron cos diferentes gobernos, en especial tamén con Chávez, quen tivo varios ministros de nacemento galego e incluso. Si ben as diferentes "planchas" da Hirmandade Galega, máis ben estiveron por gobernos de dereitas en Venezuela como en España, os que atoparon aquí bos aliados. Lembro, na década dos oitenta, a presidencia progresista de Manuel Ramos López e o seu equipo, con nomes eficaces, os Noia, Meilán, Barreiro, M. Carmen Devesa es sobre todo o impulso cultural de Víctor García, moitos xa retornados a súa terra orixinaria, que incluso abriron etapas de ilustres conferenciantes, entre os que estiven, tamén Manuel María, Víctor Freixanes... as ampliacións a Valle Fresco.

Agora, nesta situación tensa pola política populista, idealista de Maduro, a fame ameaza a familias, a emigración reséntese, comezan as chamadas de auxilio aos familiares do alén mar: alimentos, medicinas... Cada cal fai o que pode pra facilitar estes envíos e en todos latexa a necesidade de normalizar canles para facilitar os auxilios. Para algo están os consulados, as embaixadas e o papel importante nestes servizos as irmandades galegas, facendo honor ao seu nome, e xa non digamos esa Abanca que ten pe aquí e acola.