Acabo de ver unha foto dunha manifestación a prol de absterse nas eleccións francesas de mañá (de absterse eles, claro), encabezada por unha pancarta que di Ni peste, ni choléra. Creo que non necesita tradución nin explicación sobre o que se pretende dicir con ela. Son perfectamente consciente de que quen son eu para dicirlle a ninguén, e menos aos franceses, o que me parece que deberían votar, ou sequera se deben votar. Pero confésolles (a vostedes, e a algún francés que poda haber a tiro) que me recordou aquela frase que lle espetou Winston Churchill ao daquela primeiro ministro británico, Neville Chamberlain, cando volveu de Múnich cos pantalóns politicamente baixados ante as ansias expansionistas de Hitler: "Déronvos a escoller entre a deshonra e a guerra? escollestes a deshonra, e agora teredes a guerra". Eu moito me temo que mañá Francia (vamos, a parte do electorado que vota) escollerá a peste de ter unha presidenta xenófoba como Marine Le Pen, pero non por iso evitará a cólera das políticas neoliberais que se lle atribúen a Macron.

En canto a por que gañará o Front National, soamente me fío da intuición apoiada pola experiencia de que ultimamente o voto anda tolo, cos votantes rebotados, sobre todo cando as grandes figuras aconsellan o papeliño que hai que meter na urna. Non teño máis seguridade ca esa. Ben, esa e a posible incidencia da abstención como a que pregou un dos intelectuais de moda,

Emmanuel Todd, que asegurou que vai facer "un abstencionismo fundacional, porque un mundo no que se enfrontan o macronismo e o lepenismo, non é un mundo para min. Non é un mundo para a verdadeira Francia. A vida está máis alá". Todd recoñece que o lepenismo é o racismo, pero argumenta que o macronismo é a servidume (a Europa, a Merkel, aos bancos), e que non hai escolla posible, mais se hai moita abstención "os poderes do próximo presidente, sexa quen sexa, serán corrixidos á baixa".

Non ousaría contradicir a un intelectual, e menos a un intelectual francés, e que ademais está de moda, pero por un lado non creo que o lepenismo non sexa tamén servidume. Dubido tan pouco das políticas que realizaría Macron como que Le Pen acometería os mesmos recortes e a mesma política antisocial ca el, por moita retórica soberanista que esgrima. Coa diferenza de que non imaxino á líder do FN opoñéndose a Merkel en defensa de Grecia, como si fixo Macron, se non mais ben aliándose a ela para amolar máis aos gregos ou a quen lle preste. E por outro, teño fundadas sospeitas de que "verdadeira Francia" vai ser efectivamente gobernada, si ou si, por quen teña máis votos dos dous, e que a única vida que está "máis alá" é a que hai logo da morte, para os crentes, ou a que está doutro lado das fronteiras, para quen se pode permitir escoller onde vive. A abstención é xa considerablemente baixa nos EEUU, e iso non lle recorta un chisco os poderes, nin a lexitimidade, ao presidente. A democracia nos países onde se practica, diferénciase da ditadura, como dicía Charles Bukowski en que naquela pódese votar antes de obedecer as ordes. E tamén, aínda, para que os de abaixo lle recorden aos de arriba que seguen existindo, e que poden ser fonte dalgunha que outra molestia. Pero para iso non é necesario facer a peor elección posible.