Sitios dos que se fuxe e aos que se mira de reollo, pero que atraen a curiosidade, a ansia de querer saber e superar as fronteiras dos medos, os que hoxe xa son outros e cada vez diferentes, e haber hainos. E fálase destes lugares sabendo deles, pola historia ou pola tradición, por ter acontecido alí algo arrepiante. E moitas veces os que foron lugares malditos acaban sendo atractivas praias, restaurantes, hoteliños de turismo rural... con aura enigmática.

Estas cousas venden moito no turismo, no posmoderno mercado da estética gótica, de caras brancas e labios escuros, cabelos engomados, cálices e excaliburs, sangue, arañeiras e música de Bach de fondo. Créanse programas, roteiros especializados cara estes espazos nos que aconteceron prodixios, aparicións, desaparicións e sobre todo a visita da morte, das señas, de compañas, estantigüas, trasnos, mouras, xianas, xacias, baluros? Cousas ben sabidas neste confín de magos e de meigas que por algo se gaba de "máxico". Por iso tantos cruceiros, como oracións de pedra erguidas ao ceo, arremedando a maldición. Por algo confín dos autores populares do libro máxico do Ciprianillo, da inmellorable Historia do Demo, Satanás, feita pola sabedoría de Risco, do tratado sobre as Supersticións de Galicia de Xesús Rodríguez López, base que axuda a facer xirar a roda do maxín.

O medo é o temor a incerteza. E todo viaxeiro que levamos dentro, aínda maleducados no medo ao Inferno e ao Demo, desafíamos medos e mitos para aventurarnos e poñer pe no coñecemento. Mesmo inventamos santiños quitamedos e velaí o San Pedro de Dozón: nove voltas baixo a as andas coa imaxe do santo e despois unha bendición coas súas chaves do Ceo, un Painoso e un Avemaría? e dis que o medo pasa. E xa non digamos canto significa o Santuario do Corpiño e tantos outros dedicados á devoción da Raíña dos Anxos.

Sitios onde se enxerga o terror, o que con aleivosía se multiplica coa media noite, con chuvia, vento, estralampos e co ouvear, entre o gris da brétema e o bufar do moucho, o aletexar dos morcegos nunha cova ou no árbore murcho cargado de corvos, tras o que se remarca a silueta da lúa chea... Fonte inspiración para tantos autores do Occidente Atlántico, mestres na arte literaria do terror: a romántica londinense Mary Shelley, creadora de Frankenstein, o escocés Conan Doyle, autor das historias do inspector Sherlock Holmese dos Cans de Baskerville; o galés Arthur Machen, autor dos Tres impostores, mestre en mesturar a maxia coas lendas, co sobrenatural, co ocultismo e mesmo coa busca do Grial; o irlandés Bran Stoker, autor de Drácula... escritores que espallan a tradición aos Estados Unidos e velaí a Edgar Allan Poe, na contemporaneidade o prolífico autor de guións cinematográficos, Stephen King, como o autor de Liverpool Clive Barker, continuadores de lendas adubadas co fantasías subrrealistas; o londinense director de cine Hitchcock que saca partida á tensión. Mostra de que a cultura tradicional portámola no inconsciente e dalgún xeito expresarase por algures. Na Galiza e neste xénero poucos superan a José María Castroviejo, Señor do Pazo de Tirán, amigo de Cunqueiro, ambos coñecedores e intercambiadores de historias célticas que dalgún xeito reproducen.

País o noso de feretristas, onde a morte amortállase de pálido branco, non de loito, nin se arma con gadaña, pola contra acompáñase con lapadas e murando avisos. Por aquí aviváronse esas historias contadas ás sombras da luz do candil e da lareira, asuntos aproveitados polo escritor lucense Ánxel Fole... pero queda moito máis por saber e contar sobre aparicións, estraños persoeiros, sacauntos, meigas, premonitorios ouveos, o grallar avisador dos corvos... contos asociados con templos, cemiterios, pardiñeiros, pazos e torres abandonadas, con árbores senlleiras, quizais figueiras, con pozos e buratos do Inferno, covas da serpe ou da loba, entre outras que se di habitadas por monstros que ocultaron tesouros ou enfeitizaron mozas. Terror que habitou especialmente nas que foron checas, cadeas, campos de concentración, minas, fábricas, estacións abandonadas, nas curvas do camiño? lugares solitarios con aura chumbea e que na noite de San Xoán deixan escoitar, a quen teña afiada a sensibilidade, recomendacións para seguir vivos.

Velaí para agora unha antoloxía de trece lugares, quizais mañá serán outros diferentes.

E1. A Illa de San Simón, de triste historia, cantada por Mendiño en lembranza da namorada que espera ao amigo, namentres sube o mar? Lazareto e campo de concentración na guerra civil.

E2. A Casa do Demo de Anllóns, onde bailaban os mobles, cuspían do ceo e caían pedras? para quedar deshabitada, reconstruída e ser hoxe casa de turismo rural.

E3. A Torre de Caldaloba, Cospeito, testemuña das liortas do século XV. Entorno no que no 1911 aconteceu un caso de superstición vinculado a un ritual de esfolamento da faciana dun veciño.

E4. O Santuario do Corpiño en Lalín, dedicada aos Anxos bós, onde se venera aos santos contratados de demonoloxía, San Silvestre, San Gregorio?onde o exorcismo é o pan de cada día.

E5. San Andrés de Teixido, Cedeira, final dun camiño, ascese que fai de morto o que non a fixo de vivo e será como réptil, purgando as súas faltas.

E6. O Sanatorio de Cesures obra para tuberculosos, segundo arquitectura Modernista de González del Villar, desmantelado, na soidade, entre a sombra de sonoros eucaliptos.

E . O Pozo de Ana Manana, Ourense, onde no século XV os veciños desta ribeira do Miño esperaron e afogaron a un bispo feudal.

E8 . O Castro Cavadoso, Boborás, restos dun Castelo medieval construído sobre un castro nunha codeirado río Arenteiro, entre o seu rumor, a sombra dos carballos.

E9. O Pozo do Lago, Maside, burato feito para unha explotación aurífera romana, reaproveitada no século XIX, sobre a que se conta a lenda da cidade castigada por avarenta pola Peregrina.

E10. A Figueira do Meco no Siradella, sobre os restos dunha antiga fortaleza que domina o istmo da Lanzada, onde conta a lenda que todos a unha aforcaron ao feudal Meco.

E11. O Pazo de San Lourenzo de Trasouto, en Compostela, no século XIII, morada do bispo nigromántico Pedro Muñiz que, ademais, tiña o don da ubicuidade.

E12. O Castelo de Pambre, Palas de Rei, na Ulloa, fálase dunha pantasma vestida de branco que, na noite e de cando en vez, asoma e pasea entre os seus muros.

E13. O Forno da Santa en Augas Santas, Allariz, igrexa gótica inacabada sobre o sobcastro de Armeá. Con cripta escura que cristianiza a sauna castrexa, tipo "pedra fermosa", onde as lendas falan do forno no que se martirizou a santa galega Mariña.

Cada revolta do camiño ou do río, cada pardiñeiro, cova, pozo ou bosque oculta un misterio que multiplica o sempiterno tópico do labirinto escurantista da Galiza Máxica.