Danme ganas de escribir isto en castelán, como mostra da miña solidariedade cos falantes desa lingua minorizada e perseguida, antes de uso corrente e natural, incluso oficial, antes de que se convertera practicamente nunha lingua morta en Galicia, como denunciou no Congreso, con tanta valentía e pundonor como coñecemento de causa, o deputado Toni Cantó. Xa era hora de que alguén o dixera, e non foi ningún dos representantes galegos, aos que se lle supón que van alí a defender os dereitos da cidadanía. Non, tivo que ser Cantó, un home tan prezado polo electorado que foi capaz de recuncar no escano por dous partidos distintos, UPyD e Cs. Xa dicía Churchill -creo que era Churchill, ese home dixo de todo- que en ocasións un home ten que mudar de partido para conservar as ideas, ou algo así. Algo de conservar era.

Non sei como ningún dos parlamentarios galegos levan tanto tempo calados sen denunciar a desaparición dunha riqueza cultural como é un idioma, por moito que fose un idioma que veu como os plumachos eses, entrou de fóra pouco a pouco no seu día, ata inzar todo. Non sei como non lles doe o corazón ver como xente que se educou en castelán, xente da Praza de Vigo, de Juan Flórez, do Ensanche todo, que de nenos nin unha palabra escoitaron en galego quitado algún chiste paterno ou unha conversa na rúa, agora teñen que esforzarse en falalo, usando os sete sons vocálicos e palatalizando axeitadamente o X en canto van á consulta médica ou entran en calquera dependencia oficial. Ou para relacionarse cos seus netos, educados íntegra e absolutamente en galego, e descoñecedores redondos non xa do uso do castelán, senón da súa riquísima historia. O outro día, unha señora dicíame apesarada que o neto lle preguntara todo serio: "Avoíña, que é un 'grifo'?, para que serve?". A señora confioume que xa só ten o consolo de conversar no idioma da súa nenez cos súas amigas do café, ou coas inmigrantes suramericanas que atenden á maioría delas.

O que non entendo desta situación é o silencio cómplice. O da xente que, aínda sendo galegofalante, non ergue a súa voz en defensa desta minoría oprimida castelanfalante nas múltiples ocasións en que son humillados por non falar a lingua do poder. O silencio aínda máis inexplicable dos líderes de opinión, dos medios de comunicación, que non teñen denunciado este oprobio e non saen en defensa dunha parte significativa da poboación. Nun momento en que están nos titulares dos medios os comentarios propios dunha charla de comadres dunha ministra (como se todos, nas conversas privadas, nos expresásemos como nos discursos de aceptación do Nobel ou nos pregos de descargos a Facenda), non se entende como non se lle piden explicacións aos líderes de todo o espectro político, empezando polos do partido de Cantó en Galicia, por difícil que sexa de atopar algún, para que expliquen a súa postura e a súa inacción ante un problema tan grave como o destapado por alguén que, se algún día Cs entra nun goberno de coalición, pode ser tranquilamente ministro de Cultura. Repito, non me cabe na cabeza como algo tan grave, expresado con tanta rotundidade en sede parlamentaria e non como unha opinión, senón como un feito incuestionable, non ten máis repercusión que uns chistes nas redes sociais.

Repito, danme ganas de escribir isto en castelán, pero posiblemente a maioría de vostedes non me entenderían.