Teresa May é moi alta, pero baila mal as cancións de ABBA, sen embargo, Lina Morgan era moi baixiña, pero as bailaba moi ben. Tip era alto, e era un gran humorista, mais Coll era baixiño, pero tamén o era. Mabel Ribera é unha actriz alta e espigada, Manuela Varela, non. Non obstante ambas son boas actrices. Preguntaranse cara onde vou. Pois vou cara á busca da normalidade, incluso da xustiza. Non hai moitos días presentouse a candidatura de Beatriz Mato á alcaldía de A Coruña polo Partido Popular. O pasado mércores un coñecido, un imbécil desde ese momento, fíxome un comentario irónico sobre a candidata do PP e a súa altura. Hai que ser miserables. A altura dun político ou dunha política mídese polos seus actos, non polos centímetros de tamaño físico. Ao igual que o tamaño do talento resólvese coa eficiencia das accións, non pola medición da nosa altura nunha máquina farmacéutica. Afortunadamente, cando un chega a unha idade, non ten porque saudar a todos os imbéciles que percorren a estrada da túa vida. Isto é algo que os nosos maiores teñen moi claro. Todo ten un límite. O físico non ten que ver co intelecto, non ten que ver. Eu mido un metro e oitenta e tres centímetros. Non está mal. Sen embargo, ás veces compórtome como un verdadeiro estúpido fronte a amigos e amigas que miden menos. Un respecto para Beatriz Mato. Xulguen as súas ideas. É o importante. E digo as súas ideas e feitos, mais non a súa ideoloxía. Porque ideas e ideoloxías rifan cada día máis entre elas. Logo está a altura intelectual. Laia Palau, base do equipo de baloncesto español que acaba de acadar unha medalla de ouro no Mundial, ten máis luces que certos intocables da escrita estatal. Poñamos un caso, Pérez Reverte. Gran frase a súa: "Picasso non pintou o Guernica por patriotismo, pintouno por cartos". Vaia, home, que gran revelación. Anda que escribiches ti as andanzas do Capitán Alatriste por amor á arte. As boutades deste señor xa cheiran. A leición do mestre de Castelao, si que foi pintada por patriotismo e como denuncia da barbarie dos esbirros que asasinaban a intelixencia. A intolerancia ten unha cousa moi curiosa, que é que sempre acaba por ser intolerante. Cantas veces teño pedido altura de miras aos políticos e políticas desde esta columna, mais decátome que a altura de miras dos artistas é tan necesaria ou máis que a da clase política. O mundo precisa de altos e baixos, de altas e baixas e, sobre todo, de sensibilidade nas cabezas das xentes que teñen que gobernarnos e nos artistas que deben inspirarnos na comprensión do tempo que nos tocou vivir. Ala, e agora, todos e todas a bailar unha canción de ABBA pero non do ganchete de Teresa May, que podes acabar destrozado.