Houbo un tempo no que as cartas que se recibían estaban escritas por familiares, amigos e, como moito, coñecidos. O mesmo pasaba coas chamadas telefónicas. Se non recoñecías a voz ao aparato, o máis probable era que se confundira marcando algún dos dous interlocutores. Logo empezáronos a escribir os bancos e as compañías eléctricas, e tamén a chamarnos xente que non nos coñecía -ou iso pensabamos nós- ofrecéndonos todo tipo de melloras e de produtos. E tamén o correo electrónico, cando se implantou, axiña se inzou de todo tipo de ofertas de estiramentos, de partes corporais ou de prazos hipotecarios. A partir de agora, a todo ese mundo de ofertas vanse sumar as políticas. Os partidos poderán recoller todas as súas opinións vertidas en internet e redes sociais e con elas elaborar o seu perfil ideolóxico para ofrecerlle unhas propostas axeitadas ao seu pensamento, ou contarlle unhas trolas considerables sobre a que saben é a súa opción favorita para levalo ao seu rego. Todo grazas a unha reforma da -aínda que pareza contraditorio- Ley Oficial de Protección de Datos y Garantía de Derechos Digitales, aprobada maioritariamente co concurso de PP, PSOE e Cs e publicada no BOE en día tan sinalado como o 6 de decembro, data na que se conmemora a obtención de dereitos constitucionais.

A min xa me parece un exceso que o censo electoral (nomes, apelidos e domicilio) se lle facilite aos partidos para que gasten unha millonada (46 millóns de euros no último ciclo electoral) en mandar ás casas unhas papeletas que se poden perfectamente coller nas cabinas. E non digamos que os interventores dos partidos teñan dereito a comprobar quen vota e quen non (co que o voto será secreto, pero a abstención non o é) . Pero o de que podan recompilar datos sobre opinións en redes sociais sen o previo consentimento do recompilado ser será legal a partir de antonte xoves, pero non me casa moito cunha lei que se denomina de Protección de Datos e Dereitos Dixitais.

En primeiro lugar porque en marzo desde ano sucedeu o escándalo Cambrigde Analytica, unha empresa que accedeu aos perfís de 50 millóns de usuarios de Facebook para, segundo o empregado que destapou o asunto: "Construír modelos para explotar o que sabíamos deles e apuntar os seus demos internos". A compañía, que actuara nas campañas de Trump e do Brexit, pechou e tanto o Reino Unido como os Estados Unidos abriron cadansúa investigación sobre os dirixentes. Pois o que facía Cambrigde Analytica é o mesmo que vai permitir facer a nova lei española de Dereitos Dixitais. É máis, dous meses despois do escándalo aquel entrou en vigor a nova normativa europea sobre o asunto, o Regulamento Xeral sobre Protección de Datos (GDPR, General Data Protection Regulation), que unificaba e ampliaba as lexislacións nacionais, e foi o causante de que tivésemos que autorizar de novo que nos enviasen mensaxes entidades que xa nolas mandaban antes. Pois o GDPR prohibe expresamente o tratamento de datos persoais que revelen a orixe étnica ou racial, as opinións políticas, as conviccións relixiosas ou filosóficas, ou a afiliación sindical, entre outros.

Os efectos desta protección que nos brinda a lei española xa se verán o ano que vén, coa chea de eleccións que hai previstas. Haberá que navegar entre os que che queren sacar os cartos cun email falso do teu banco, e os que che queren sacar o voto recordando aquel comentario en Facebook, os que che ofrecen unha pastilla milagrosa e os que che prometen unha rebaixa fiscal. E acabaremos votando Viagra ou unha viaxe de oferta a Cancún.