Que diferentes son as varas de medir segundo miremos cunha ollada ou con outra un acontecemento. As simpatías e o que é peor, as ideoloxías, nos delatan. Hai uns días u odio que o presidente Ortega e a súa muller senten por Carlos Fernando Chamorro, fillo da expresidenta Violeta Chamorro, levounos a ordenar o asalto e a ocupación do xornal El confidencial, un xornal que como poden imaxinar non cala a boca diante das brutalidades do réxime. Un monte de xornalistas, quen isto escribe, incluído, fixemos pública a nosa solidariedade con Carlos Fernando Chamorro. Mais o pasado venres en Barcelona, un xornalista de Intereconomía foi agredido por un CDR salvaxemente, mais como era dunha cadea de dereitas, de moi dereitas, pois case ninguén protestou polo nariz roto deste compañeiro.

Vivimos tempos estraños, mentres tiñan lugar todos os incidentes, reunións, consellos de ministros en Cataluña, alguén protestaba, un político, creo, pola instrumentalización política da morte de Laura Luelmo. E estou de acordo, non se debe facer un uso político da morte dunha muller a mans dunha besta. Pero, se vostedes non comezan a mover o cu e a lexislar con prontitude e eficacia sobre este tema, non se estrañen de que a cidadanía e as familias comecen a facer un uso destes acontecementos que nos podería levar a unha espiral de violencia. É a súa obriga coidar de que non haxa linchamentos, pero para iso ten que haber unha xustiza veloz e resolutiva. Leis claras. Con poucas aristas e matices. Isto é como o de Cataluña.

Hai que evitar que alguén morra. Porque se iso sucede o Belén xa está montado. E os xornalistas debemos ser rigorosos e dar cifras veraces do que ocorre. Poñamos un caso: Venezuela. 1.235.593 persoas chegaron a Colombia procedentes de Venezuela nos últimos meses. O 76% son venezonalos e o 24% colombianos que retornan porque os seus traballos xa non existen.

É un drama moi considerable e xa non falamos dos que marcharon para Perú, Chile ou Brasil, o país onde peor están sendo tratados, sobre todo desde a chegada ao poder do actual goberno. Tamén en Venezuela, pechou o único xornal de papel contrario ao réxime de Maduro. Un réxime que gañou as súas últimas eleccións con 72% da abstención. É que é para rir ou chorar, segundo lle pille a un. Porque ao final, como afirmaba ao comezo, as varas de medir dun problema da humanidade sempre están relacionadas coas ideoloxías que cada un defende. Esta sempre foi a orixe das guerras e as miserias e parece que non queremos progresar adecuadamente e que máis ben, precisamos mellorar.