O rior en latín significa nacer... Del deriva "Oriente". E a partir do Oriente reorganizase a rosa dos ventos cos seus puntos cardinais, aínda que varía en función da situación de cada país. Pois velaí que "Occitania" foi no medievo boa parte desa Provenza da quen tanto temos herdado en Galiza nos anos das Cantigas. Sempre compre un referente afastado, como o día ten a noite ou a alborada ao solpor... Así é que esta nosa Fisterra, estremeiro occidente do Vello Mundo, por onde se pon o sol é tamén "Oeste" con certa carga retranqueira que lle ven dando o escritor Manolo Rivas, entre estrañeza, maxia, sombras e neboeira que nos envolve. Ao fin e ao cabo Galiza é "unha cultura de occidente" como filosofaba Otero Pedrayo no seu derradeiro libro co mesmo título, resumo do sentimento galego. Neste noso Occidente temos como referente o Oriente clásico, por onde asoma a alborada. Dialéctica, filosofía que se envolve neste labirinto de pedra, onde a Omega se enfronta á Alfa ou un santo sartego cun santo berce. Velaquí tamén como, entre a Caótica Terra, se erguen ao Ceo Cósmico os cruceiros, coa Morte no anverso e a Maternidade no reverso, apoiados pola representación do Sol e da Lúa... Así que si "orientarse" é buscar o camiño, o "Oriente", tanto no senso xeográfico como tamén no histórico cultural. Pola contra "occidentalizarse" é seguir a moda de occidente, tendencia hoxe, cos seus vicios e virtudes, a pé de cada día.

Varias civilizacións orientais comparten principios comúns, nos que prevalece o enigma, até fai pouco sumidas en ancestrais tradicións, fronte á inestabilidade occidental... Oriente é o berce da Historia Sagrada, do Paraíso Terreal, o Xardín do Edén, así pois como a psicodélica base de inspiración na Arte.

No Oriente do "Crecente Fertil", o dos ríos Nilo, Tigris, Eufrates, Xordán, organizando o reparto das augas, naceu o Verbo, a palabra e con ela a Lei, as xerarquías de casta e rango, de sabios, os deuses e as relixións... E tanto que caracterizou influentes civilizacións, dende fins do século VI o islamismo fronte a xudeos máis antigos e cristiáns, cruzadas peregrinacións dende o Occidente por medio... Do século VI a.C. coñecemos o Kamasutra hindú, libro sobre os xeitos de facer o sexo; formámonos nas fantasías persas de As mil e unha noites, polas que soubemos de Aladino, da lámpada máxica, de alfombras voadoras, de Alibaba , de abracadabras e outras maxias que, entre sedas, incensos, haréns, odaliscas, encantadores de serpes, magos e meigas, abrían o maxín ao infinito... Asuntos ampliados polas viaxes do diplomático de ascendencia galega Adolfo de Ribadeneyra, como un noso Chatoubriand, entre tantos, de Pierre Loti, a Salgari... Atraídos polo imán e a tradición de Oriente.

Despois das campañas de Napoleón por Exipto, con tantas noticias de descubrimentos, nos tempos do Romanticismo e do Modernismo, do Orient express, das sorprendentes xoias do imperio británico, de arqueoloxías sobre "Deuses, tumbas e sabios", Oriente ponse de moda. Retómase a Marco Polo, as expedicións dos irmáns portugueses, as misións xesuíticas e franciscanas, con tantos galegos ao fronte... Bibliografía ao respecto non falta: as expedicións de impertinentes curiosos da Ilustración, de aventureiros, pioneiros da arqueoloxía, da xeoloxía, das ciencias da natureza, Burton, Lady Sther Stanhope, Flaubert, Rimbaud, Byron. Kipling... A Arte, a Literatura nútrense do sempiterno aporte... Tamén naceron tópicos estudados na contemporaneidade polo palestino estadounidense Edward Said, deténdose no imaxinario de occidente respecto a oriente, no postcolonialismo, na contraposición de valores dende as perspectiva occidental, a colonizalo e decidir sobre el... O asunto ven de vello e aínda que o mundo clásico grecorromano fundamenta filosofías no Oriente, tendencia herdada polos autores cristiáns, no século XIX o atractivo Oriente considérase atrasado respecto ao Occidente, Europa expande a súa colonización... Logo virán as tornas e falarase do "perigo amarelo", do "espertar chino"... E nunca faltarán especialistas, "orientalistas".

En Galiza, cultura de ribeira, nacida dos portos, das encrucilladas, tomamos nota do camiño andado e máis do feito por nós como a través de Portugal, de Inglaterra, do alén do mar, das grandes expedicións nas que tivemos parte aínda ignorada. Tanto así que nese tránsito que supoñen as tradicións, incorporamos exóticas mercancías orientais: panos de Cachimira, mantóns de Manila, aderezos dourados pra complementar o traxe... Entre o mobiliario do pazo incluímos mesas e armarios de madeiras exóticas, lacados namban... No xardín a camelia, a magnolia... E no ir e vir regouse aínda máis a saudade do que sempre queda atrás.

E un orientalista de cerna, filósofo pois, figura fundamental nos alicerces do pensamento galego da contemporaneidade, que tira e amplía os saberes do patriarca Manuel Murguía é Vicente Martinez- Risco y Aguero (1874-1963), dandi, prototipo do intelectual galego, europeo do Modernismo, engaiolado cos "orientes" que el dicía, introdutor do filósofo-poeta bengalí Rabidranath Tagore, atrevido co ocultismo, en furar entre anxos e demos, do caos ao cosmos... Na ansia de compartir e divulgar "El oriente contado con sencillez", deténdose en Asía, onde teñen orixe as relixións de Buda, de Zoroastro, inventor da maxia, do culto ao lume... Conseguintemente sabedor da historia das relixións, de Mahes, Moisés, de Cristo ou a de Mahoma... Universo, metafísica, entre mitos como o de Oannes, o "home peixe", entre inventos que son base da civilización e das culturas, as primeiras cidades, o nacer dos imperios... Partindo das fontes escritas, máis que das dunha arqueoloxía que aínda está por nacer científicamente, Risco analiza o mundo Sumerio, o imperio de Hammurabi, párase nos poemas da creación, do Paraíso, no do Diluvio, no Gilgamés, no descenso de Istar aos Infernos... Temas que avivan esa fantasía que mesmo está na base de moitas tradicións orientais galegas, e mesmo diríamos "celtas", pois o celtismo non é máis que un permanente orientalismo chegado e alimentado nos confíns europeos no devalar do tempo e por diferentes camiños, non só os centroeuropeos.

O Mundo Babilónico, os fillos de Jafet, arameos, asirios, fenicios, hebreos... O imperio Persa, Exipto, Alexandro Magno... E o cristianismo bebendo e recollendo o mellor de cadaquén... A fascinante India do Mahabharata, do Ramayana, do Brahmanismo, dos vedas, o islam, a Asia amarela, a China, o Imperio de Gengis Kan, o Xapón... A Indochina... E os pobos-ponte entre Oriente e Occidente, os Balcáns, Anatolia, onde o monte-sepultura do Nemrud -Dag, mostra o encontro, por onde se perden as relacións de Alexandro, que seguen cos misioneiros da metalurxia do ferro, coa mestura de hittitas, de escitas... Que, furando polo Danubio e outros ríos, polas ribeiras do Mediterráneo, deron lugar á base etrusca, ligur, íbera ou celta, velaí o caldeiro céltico de Gundestrup, Dinamarca. Orientalismo espallado novamente por soldados galaico-romanos que aquí chegaron ou mesmo entre os recrutados nestas partes, avivado polo cristianismo antigo, formado nos eremitorios do Monte Tebas, Luxor, sobre as tumbas reais, onde nacerá arte cristián copta, seguida nos seminarios de Qalat Semaan, Antioquía, Capadocia... Esa mística cosmogónica dos entrelazos para dar idea da Eternidade (unión dos cabos do Principio e do Fin). Fontes nas que beben viquingos, logo as rutas de Marco Polo, as conquistas e o imperio portugués... Fío de Ariadna que non ten fin, por algo en León, en San Isidoro, funciona un o "Instituto Bíblico y Oriental" levado polo sabio padre Jesús García Recio, base pois de cousas de onte, de hoxe e de sempre.