Nos últimos tempos observo atónita que se están a producir varios fenómenos. Un deles é o medo de moitas mulleres a declararse feministas, coma se fose un movemento que agochase algún tipo de cara oculta perversa. A pasada semana, nunha xuntanza con profesoras de ensino medio, falabamos das dificultades que temos as mulleres de compatibilizar unha carreira profesional coa maternidade, das renuncias que nos vemos obrigadas a facer. No medio da conversa, unha das profesoras, con visible preocupación, afirmou: "Isto que estamos comentando tampouco significa que sexamos unhas feministas". "Ah, non?", preguntei eu, sen agochar o meu malestar. "Entón, que sodes?" Ningunha soubo darme unha resposta. Creouse un silencio incómodo, deses que son difíciles de quebrar porque, sexa cal sexa o que digas, vai soar a cristais rotos.

Na mesma liña, non deixo de ler e escoitar por todas as partes a frase "Non son machista nin feminista. Son normal". É demoledora polas toneladas de ignorancia que destila. Mais tamén porque equipara o Feminismo, unha ideoloxía que nace para alcanzar a igualdade, cunha das máis terribles lacras desta sociedade. Xamais escoitei a ninguén dicir "non son fascista nin antifascista", como tampouco escoitei a ninguén afirmar "non son racista nin antirracista". O símil aproxímase bastante. Tanto os movementos contrarios aos fascismos coma os movementos contrarios ao racismo, nacen para combater unha ideoloxía nociva. O mesmo sucede co Feminismo.

Estes días fíxose eco unha nova bastante preocupante: "Ao ritmo actual, Galicia tardaría 615 anos en rematar coa brecha salarial entre homes e mulleres". 615 para que os nosos salarios sexan os mesmos ca os dos homes, por desempeñar o mesmo tipo de traballo. E con este panorama, aínda hai que se atreve a afirmar "non son machista nin feminista. Son normal". Ignoro que é a normalidade. Pero se algo teño claro, é que mentres as mulleres sigamos sendo asasinadas polas nosas parellas, mentres os nosos salarios están por debaixo, mentres os postos de dirección nas grandes empresas estean copados por homes, mentres as mulleres, en definitiva, teñamos que esforzarnos o triplo para chegar ao mesmo lugar, o Feminismo é o único camiño posible.