21 de abril de 2019
21.04.2019
o labirinto do alquimista

Arredor da Pascua de Flores, das roscas de pan doce e dos ovos

20.04.2019 | 21:45
Arredor da Pascua de Flores, das roscas de pan doce e dos ovos

Furamos pola complexidade das celebracións simbólicas do almanaque. E agora nesa Pascua que pecha o ciclo, o círculo cosmogónico do que é a ascese vida-morte, resurrección... Fin pois do representado polo Viacrucis, o camiño de sufrimento conmemorado na Semana Santa: iniciado un domingo con cánticos, bater de ramallos e palmas de benvida... camiño andado, seguido de bicos, traizóns, negacións antes do canto do galo...escarnio, flaxelación, coroa de espiñas, o peso da cruz... a axuda dun cireneo que pasaba por alí, na beira rúa o auxilio e o dor dunhas mulleres, mans e pes cravados na cruz, erguida ao Ceo sobre o altar do Gólgota, onde a tradición contaba foi tamén enterrado o cranio de Adán...Tebras e soidade, soamente aos pes da cruz e do sufrimento están a nai angustiada, acompañada da súa irmán, xunto con esoutra, a terceira María, a Magdalena, a pecadora seguidora do Cristo... Tampouco faltaba o seu discípulo querido Xoán ... Descendido e enterrado, cóntase que baixa aos infernos da morte e tres días despois resucita... Asuntos aprendidos con teimosía en credos e cerimonias dende poderes asentados á sombra da cruz, representados pola cristiandade ao longo do tempo en bo ou mal arte, contados en catecismos, predicados dende púlpitos, en mantras, en cánticos inxenuos, tamén en saetas valiosas, musicados con grandeza polos clásicos... parte fundamental da educación Europea. Trauma tamén do que liberarse dando cumprimento aos mesmos preceptos dados e incumpridos pola Igrexa: exame de conciencia, dor dos pecados, confesión, propósito da emenda, e como quinto cumprir coa penitencia de canto abuso e negocio se cometeu en nome da cruz.

Asumido o devandito e seguindo o ciclo da experimentada tradición ben sabemos que despois da corentena da Coresma „agora transgredida e ignorada no que respecta a cumprimento de vixilias, xaxúns, bulas e privilexios mercados nas sancristías„ ábrense entón as festas da Pascua de Flores. E así se fai en moitas parroquias galegas e con máis forza nese Padrón, antepórtico de Compostela, onde será con festa e feira maior, coa sona de ser das máis antigas, concorridas e mellores de Galiza e así está documentado e comprobado. De xeito máis espiritual nese cabo do vello mundo que é Fisterra conmemórase tamén a Pascua, dise que a tal cita nunha falta o sol no media día, intres bos que ten lugar o auto sacramental da Resurrección, representación teatral na que os actores serán a xente da vila mariñeira, arredor da igrexa da Virxe da Area, baixo o mítico monte dos cultos fecundativos do San Guillermo... onde tamén se di que na antigüidade se celebrábase ao Sol Sol invictus ante as Aras Solis, onde cada día morre a luz do astro rei na liña do horizonte do océano Atlántico. En Fisterra a representación das Tres Marías ante o sartego teñen certa equivalencia coas clásicas Tres Gracias, as fillas de Zeus e asistentes de Afrodita, símbolos da beleza, da creatividade e da fertilidade ante a alborada primaveral.

Asuntos da cruz e do paganismo cristianizado, cousas ben sabidas ao menos deica agora neste confín de camiños e encrucilladas sobre as que a liturxia se fai e mesmo se ergue ao ceo en cruceiros de pedra, cruz-solar, vida-morte, celebrando nunha cara ao Fillo crucificado e na outra a Nai das Dores, todo un poema ou oración en pedra contra a que tantas veces tenta a barbarie: por algo As cruces de pedra de Galiza, a derradeira lección de Castelao feita libro, como toda a súa obra en función de afianzar a identidade dun pobo de encrucilladas.

Domingo de Pascua con misa solemne, longa, lembrando episodios da creación, do sacrificio de Isaac, do paso do Mar Roxo, da Resurrección... pra dar remate o traquereteo das carracas de madeira e romper a repicar o bronce das campás... fora os loitos e os morados cubrindo o ouro dos altares, volta ás flores... salmos, aleluia, aleleluia, alelui.... como se a liturxia exorcizara ás tebras pra abrir á ledicia primaveral do canto do cuco. Anunciase así a apoteose florida que será no tempo dos maios. Aumentan entón as romarías arredor de ermidas e templos con penedas, fontes, carballeiras, as que foron de cultos pagáns cristianizados. Domingo de Resurrección, de Pascua, de Gloria, Florido... de estreas, de pasaxe, o que pros xudeus lembraba a liberación, a saída de Exipto, o "pasaj", pasaxe, inicio do éxodo na procura da Terra Prometida. Mais dende o ano 325 e a partir do Concilio de Nicea os cristiáns sepáranse da festa hebrea pra pasar a conmemorar a Resurrección de Cristo pra dar paso aos cincuenta días do Tempo Pascual , até a celebración do Pentecostes. Festa movible que din os curas, no hemisferio norte data que está en función da lúa chea que sigue ao primeiro domingo do equinoccio de primavera.

Misa de Pascua na que recoller a auga bendita coa que esperxer a casa e as propiedades, de acender no Cirio Pascual as candeas da comunidade coas que logo prender os lumes novos... día pois pra avivar antigas tradicións esvaecidas. Na cociña preparación do asado do año pascual, sacrificado segundo a tradición, que teña un ano, macho, pra xantar pola noite na festa xudía. En Galiza tempo axeitados pros esconxuros, de exorcismos seguindo os preceptos antidemoníacos do que foi popular libro "Ciprianillo" atribuído, como tantas veces temos contado ao San Cibrao de Antioquía, confundido con outros santos homónimos e tan celebrado, especialmente o luns de Pascua sobre un castro de Tomeza ao que acoden os endiañados a dar as nove voltas arredor da súa ermida, pasar por baixo da imaxe, a bendicir as vasoiras da limpeza, a deixar algunha prenda sobre o tellado da ermida...

A Galiza das romarías escenarios, de cantares, pandeiradas, gaitas, músicas e aturuxos, a dos antigos saberes da empanada, tan propicia ao camiño, celebra a tradición da Pascua e motivada polos fornos farao cos regalos pra sobremesa festiva na que non falta o pan doce e o ovo. O pan noso de cada día, grao feito fariña... que do hórreo pasa ao muíño e finalmente ao forno, por algo do pan se fai misterio eucarístico e convite, produto da terra e do traballo dos seres humanos... E velaí entre os símbolos da Pascua o rosco ou bolo, trenza, no Mediterráneo Mona (de munna árabe), peragata ou opilla... feita a xeito de roda ou cadrelo cosmogónico. Fartura gulódice que dirían os irmáns portugueses, amasada con leite e ovo batido, manteiga, azucre, anís preñada de sorpresas polo medio... cocida no forno, presentada cuberta de chocolate, froitas confeitadas... tan solicitada neste domingo nas pastelerías, algunhas con esperas de colas, consolidando sona polo bo saber facer tradicional.

Tamén son celebrados na Pascua os ovos, xermolo de vida, arrodeados de misterios, como moitos outras tradicións galegas, quizais seguindo herdos célticos, mellor conservados na banda Asturicense: velaí o intercambio dos ovos decorados, "güevu pintu" como tamén fan na Europa do Este, excepcionalmente os ortodoxos. Rosca e ovo serán regalo dos padriños na Pascua, renovando así compromisos adquiridos co bautismo. Sol e lúa simbolizáronse como ovos de ouro e prata, prosperidade. Na alquimia o "ovo filosófico" é a materia prima que dará orixe á pedra filosofal con todo o necesario para a evolución... Entre as teimas escolásticos de darlle voltas ao que foi primeiro o ovo ou a galiña, "o ovo está na galiña e a galiña está no ovo" e a dualidade resolvese na unidade, no ovo.

Circulo, esfera, nimbo, cosmogonías, como o sol no que se envolve a Cristo-Deus nas representacións medievais, mandorla, amendoa, ovo místico, representación do universo. Ovo que conten o xermolo da vida, do ben e do mal, base da que parten moitas crenzas antigas. O nacemento do mundo a partir dun ovo, ovos de monstros saídos do océano, ovos fecundados polo sol. Ovo cósmico, entraña primordial que circunda ceo e terra, augas inferiores e superiores. Aro de luz, simbolizado no lume do decorado Cirio Pascual.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook