Onte era o noso Día. O dos xornalistas (e o seu, a verdade) o Día Mundial da Liberdade de Prensa. Unha celebración que escolleu a ONU, a instancias de UNESCO, en 1993 para conmemorar que dous anos antes nesa data facíase a Declaración de Windhoek (Namibia) demandando unha prensa africana libre. Desde entón, cada ano celébrase un acto académico internacional arredor dun tema central nun lugar distinto do mundo. Tamén aproveitan para entregar o premio internacional de Periodismo Guillermo Cano, que se chama así en memoria de Guillermo Cano Isaza, periodista colombiano asasinado en Bogotá en 1986 fronte ao diario El Espectador, no que traballaba. Este ano o sitio non quedaba moi a man, foi na capital de Etiopía, Adis Abeba, pero o asunto si: "Medios para a democracia: Periodismo e eleccións nos Tempos da Desinformación". Parece como que nos estaban vendo.

Ao mesmo tempo, en Ferrol, e coa ausencia das principais autoridades, recibía o Premio Couso de Liberdade de Prensa, instituído polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, o colectivo Defende A Galega, que reclama unha información plural nos medios públicos de Galicia. Un premio, por certo, que non outorga xurado ningún, senón que son os asociados ás dúas organizacións quen votan a uns candidatos propostos por calquera que os considere merecedores da distinción (de feito, tense dado algún caso de xente proposta a si mesma).

A data e o premio veñen ao fío pola cuestión de que vimos dunha campaña electoral, coa correspondente precampaña, e estamos na poscampaña que se está a solapar coa precampaña da campaña que comeza a semana que vén. Xa sei que quen merecería un premio nesta situación é a audiencia, pero tampouco os xornalistas somos precisamente felices nestas circunstancias. Nin os dos medios públicos, nin os dos medios privados, polo menos os audiovisuais. Saben que a información electoral na televisión e na radio está regulada pola Lei electoral, a LOREG, a mesma que establece o resto da normativa. E os encargados de interpretar a Loreg nas cuestións inmediatas son as Juntas Electorales (central ou provinciais), é dicir, un colectivo de xuíces e expertos en dereito. Son os que decidiron, por exemplo, que Puigdemont e compañía non podían participar nas eleccións. Hai quen opina, entre eles o presidente, o vicepresidente e dous vogais da Junta Electoral Central, que é unha decisión errada porque Puigdemont e os outros dous non teñen suprimidos os seus dereitos de sufraxio por sentencia ningunha. Eu non o sei, por suposto.

Pero a Junta Electoral Central (e as provinciais) si decide sobre cousas das que os periodistas sabemos e eles non, como por exemplo, como debe ser a información electoral. Sobre todo, como de seguro analizaron estes días en Adis Abeba, como debe ser nestes tempos de desinformación. Como debe ser unha información electoral para que sexa plural, como reclaman desde Defende A Galega. E a pluralidade non consiste en repartir o tempo, ou non só consiste niso, senón en comprender que a información é algo máis que o que está etiquetado como tal, e que admitir como normais e aceptables determinadas actitudes e estar facendo campaña ao seu favor. Sen límite de tempo e sen careta de entrada que anuncie que o que se vai emitir son as noticias das eleccións.