Desculpen de entrada que os obrigue a ler neste idioma tan difícil, segundo unha deputada madrilucense pola Coruña e un redactor ou redactora da TVG. Xa son maior para andar cambiando (e non digamos para fiarme de deputadas cuneras), pero como agradecemento ao seu esforzo, se poño algunha palabra moi atravesada, como esas de "premonitoriamente", "falangueiro", "limpeza étnica" ou "orzamento militar" que lle caeron no exame de selectividade á nosa pobre rapazada, xa lles poñerei a tradución entre parénteses (paréntesis). A todo isto, eu sempre envexei (envidié) aos chineses, rusos, e outra xente que falaba idiomas difíciles, porque xa os aprendían de nenos, mentres o galego e castelán que escoitabamos de pequenos me parecían doados (fáciles), pero resulta que tamén o galego era difícil. Debe selo, porque hai xente que non o dá falado despois de nacer e vivir aquí ducias de anos, aínda que hai xente de fóra que o aprende en meses. Debe ser que o galego, como a xente, ten días, e ás veces non hai quen o colla e outras pégase sen querer.

Pero do que lles quería falar é das perdas das empresas españolas. Segundo un estudo de Adecco, empresa que se presenta como consultora de recursos humanos (aquí tamén fai falta tradución: unha empresa de traballo temporal), "as pausas para tomar un café, comer un bocadillo ou fumar un cigarro; o uso persoal de internet, correo electrónico ou redes sociais; retrasar a entrada ao traballo ou anticipar a saída; convocar reunións sen obxecto ou prolongalas máis alá do razoable..." o que chama "presentismo laboral" (estar por estar) custan ás empresas españolas un total de 3.300 millóns de euros de perdas ao ano. A pregunta inmediata é canto ganarán non pagando as horas extras que se facían, pero hai que ser rigorosos. Moitas desas cousas que a consultora considera perder o tempo (a pausa para o café, o bocadillo) chámanse "descanso" e son perfectamente legais, e non soamente por benevolencia patronal, senón porque está demostrado que traballar X horas sen unha pausa triste provoca un menor rendemento, no fondo a mesma razón pola que se instituíu o descanso semanal. Tamén se podía argumentar que nunha chea de profesións non estritamente manuais, o uso de internet e redes sociais non deixa de ser unha ferramenta de traballo e formación, aínda que certamente, na maioría dos casos non deixa de ser unha forma de perder o tempo. En canto ao de convocar reunións para nada, e tardar en acabalas, pola experiencia que teño, máis que un vicio dos traballadores é un andacio estendido entre dirixente (que incluso o levan a convocar comidas de traballo nas que non se acorda nada máis que "tenemos que vernos y hablar de eso. Nos llamamos"). Mais o totalmente estraño do informe da consultora é o cálculo.

O tuiteiro Echeoquehai (para que vexan que o das redes é útil) botaba contas e sacaba como conclusión que os 3.300 millóns entre os 19.700.000 cotizantes á Seguridade Social en España, saen a 167 euros por traballador e ano, o que vén sendo uns 70 céntimos diarios por currante. Non sei como con tanto dispendio hai xente que se fai rica. Fabricando en sitios onde se traballan 14 horas diarias en instalacións sen wifi, supoño. Non queda aí a cousa, segundo outro informe, da organización RAND Europe as visitas reiteradas ao baño poderían ocasionar un coste á economía española duns 2.650 millóns de euros anuis (e 39.250 á norteamericana, 12.100 á xaponesa, 7.425 á alemá ou 5.215 á británica)... Visitas ao baño pola noite. A economía xa non se perxudica se botas un pito no traballo, se non tamén se botas un pis na túa casa.