Polo celebrado e cristianizado tempo do solsticio de verán protagonizado polo Corpus e o San Xoán, de xeito instintivo saen a relucir ancestrais tradicións en relación co panteísmo, co priscilianismo e outros máis antigo herdos célticos e romanos. Ao fin e ao cabo os Catro Elementos purificadores da natureza, lume, auga, terra e aire cóutano e sométeno todo: danzas arredor de fogueiras, cando os oídos finos son capaces de escoitar vida baixo as lagoas e no verter das fontes, tempo pra deixar ao aire da noite meiga unha almofía con auga e nela ramilletes de flores silvestres: sabugo, fiúncho, estraloques, malvas, durmideiras, follas de carballo, romeu... pra lavarse na madrugada coa natureza. Asuntos ben sabidos no Vello Mundo, nos chamados países célticos, cando a raiola do sol da vida peta e "baila" nas cámaras funerarias... símbolos arredor da vida.

Iso de apozar auga está na prehistoria da hidráulica, quizais no Neolítico, cando o ser humano comeza a domesticar o medio e a el mesmo poñendo normas de convivencia... arrogancia de facer virar o curso dos ríos, apresalos, crear encoros, asolagar... e nesa explotación seguemos.

Moito habería que falar das augas, o sangue da terra, das superiores e inferiores, maiores e menores, mesmo dos "Ritos impetratorios da chuvia, a inmersión dos sacra e os cultos hídricos", algo que xa fixo don Fermín Bouza Brey. Os pequenos lacus, esas pociñas labradas pola erosión sobre as penedas, que mesmo serviron de "fóculos" pra ofrendas ou sacrificios en tempos prehistóricos e seguintes, en ocasións rodeados de petróglifos, outras en relación con culto a divindades orientais como Serapis ou Mitra... Lacus onde apoza a auga e á que a tradición lle outorga propiedades pra curar... E as grandes lagoas que tamén recibiron ofrendas, fontes de vida e de lendas arredor de cidades castigadas, asolagadas.

Auga de fontes consideradas sacras, "augas santas" moitas delas cristianizadas con ermidas, por Santa Mariña, San Cristobo, Santa Baía... auga de pozos e remuíños de ríos nos que se din habitan seres míticos, anfibios, as xianas ou xanas (como un xeito de Diana), os xacios ou xacias, ninfas, nereidas, lavandeiras, lamias... en fin espíritos das augas que din encantan aos que por alí pasan... E na beiramar tamén, praias nas que recibir as nove ou as sete ondas en ritos fecundativos, onde tamén a mitoloxía da conta de sereas e homes mariños, tritóns que habitan en furnas e illas inspiradoras de Lugrís. Como acontecía na mesma Grecia, recomendando beber en sete fontes... A auga lava, purifica, nutre, disolve, é medicina, esencial nos feitizos, animadas e ás que mesmo se lle falaba e pénsase que "dormen" na noite e non se pode beber delas entón... e ollo con arrincar cabelos de muller e metelos tapados nunha garrafa... convértense en cobras... Comeza dicindo Vicente Risco na súa Etnografía, e recomenda como panacea a "flor da auga" a que se colle coas primeiras raiolas da mañanciña do San Xoán, ese santo atoleirado, espido, curtido pola natureza, o dos bautizos e as prédicas...

E ríos que reclaman anualmente vítimas, como pra cobrar o seu imposto. Augas que lavan incluso a memoria, velaí a lenda do río Limia Leteo ou do esquecemento...

Hoxe aquí pousaremos nas lagoas, nesas augas coutadas pola terra e a froresta e que poden dar nacemento a un río, como a considerada sacra da Fonmiñá en Meira, prodixio da natureza, outras encoradas artificialmente, cousa á que estaban afeitos os castrexos, ao pe dos seus asentamentos provocaron brañas de xuncos, piscifactorías que atraian peixes, anguías e aves, e mesmo complementaban o sistema defensivo destes hábitats... Augas consideradas sacras, de fontes, de pozos, de ríos, de lagos, do mar, subterráneas... que tiveron os seus santuarios. A Catedral de Chartres está edificada sobre un puzo sacro dos celtas galos, como tantos santuarios galegos de "Augas Santas"... entre tantos onde tamén se conta se reunían e peiteaban os cabelos de ouro as mouras e donas encantadas, as que memoraban aconteceres.... Na noite do San Xoán quen teña algo de poesía dis que aínda pode escoitar o tanxer das campás desas cidades asolagadas.

O simbolismo mítico dos cataclismos acuáticos está no subconsciente colectivo universal dende a mesma prehistoria, sentimento recollido polos autores máis diversos, Varron, Eusebio de Cesarea, San Agostiño.... dende o "Diluvio Universal", como castigo polo pecado orixinal, entre outros castigos bíblicos polo lume como o de Sodoma. E xa non digamos a Atlántida da que da conta Platón e que tanto serviu de inspiración...a lenda céltica bretona arredor da Illa de Ys... Risco, como non, en Orden y Caos, exégesis de los mitos(1968) estuda o tema dos apocalispsis acuáticos como castigo por insolidariedade ou por tentar contra a natureza, esa palingenesia, catástrofe, ritual de purificación, anovación, sen faltar as hierofanías... inspiradora cultura... E as prédicas do valenciano dominico Vicente Ferrer, enterrado ao pé do mar bretón de Morbinan, e que ameazaba á Coruña cun tsunami.

En Galiza abondan as lendas das lagoas: contase que a Lagoa de Cospeito, a de Lamas de Goá, cobre outra cidade pecadora por soberbia, a de "Beria", "á que cando Noso Señor peregrinaba polo mundo e pide pousada lla negan". A lagoa de Antela, chamada no pasado de Beón, na Limia baixa, orixe do "Río do Esquecemento", o Letheo que dicían na Antigüidade, grande lago que é atractivo lugar por todo amante da xeografía e mesmo da Arqueoloxía, ate que, a partir dos anos sesenta do século pasado foi desecada,entón habitada por cisnes boreais, por ras, zamezugas e sañudos cínifes e cuberta de lendas, algunhas contadas por Taboada Chivite, como a que fala da pagán cidade fundada por Anfiloco e que tiña como totem o galo... Dise que alí estaba a cidade de Antioquía, outros que era a de Lucerna, a que pola súa avaricia foi castigada e asolagada. Mesmo se conta que os soldados do Rei Arturo, Carlomagno ou Roldán foron encantados e convertidos en cínifes, que seguen a esperar a volta do seu señor. Outras lendas falan dunha princesa-ra....e que a fermosa Inés de Castro que se di nacida na torre de Sandiás pasea como fantasma nos días de néboa sobre a lagoa de Antela... E a lagoa de Doniños entre os montes ferroláns de Brión e Belón, que se di castigada, asolagando unha cidade idólatra. Como se conta tamén das de Valdoviño, Traba, Cabana de Bergantiños, Louro en Muros...

Lagoa de Carregal en Corrubedo, onde as lendas sitúan a cidade asolagada de Malverde ou Valverde, como a de Dugium nos escenarios da translación do Apóstolo, na Lagosteira que da entrada ao ismo de Fisterra e que agora por iso das mariscadas, damos en chamar "langosteira", cando o topónimo denunciaba a existencia das lagoas.... como se dí no lago de Carucedo, produto da explotación mineira aurífera polo sistema de ruina montium das Médulas, algo similar ao acontecido no Puzo do Lago en Maside.

E tantas cos seus mitos de moiras e afogados: as dúas lagoas do ollo entre os lameiros da chaira de Baamonde, ben coñecidas e cantadas por Manuel María; a desecada lagoa de Alcaian en Coristanco... con tanta arqueoloxía.