Hai cousas, demasiadas, que dan ganas de converterte nun ex veterano do Vietnam, ou da de Irak, e poñerte de francotirador na ventá da casa a disparar a calquera cousa que se mova. E outras que te reconcilian co mundo. Ou máis exactamente coa xente, con algunha que hai neste mundo. Persoas „a maioría mulleres, todo hai que dicilo„ que non coparán titulares dicindo cousas que elas e case todo o mundo sabe que son mentiras e que avergonzarían a calquera persoa sensata, nin tampouco son brillantes nas redes sociais, pero que cumpren aquilo de Eduardo Galeano de que moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode cambiar o mundo. E aínda que non o cambien „eu creo que para cambiar o mundo axuda moito que unha chea de xente se xunte para facer unha cousa grande„, fan o que cren que deben facer, que é a mellor forma de estar a gusto consigo mesmo.

Hai moita xente facendo cousas pequenas, pero os que digo „e non cito para que non se entenda como publicidade„ é unha ONG ben pequena e cunha organización minúscula, que traen nenos que necesitan algún tipo de operación a vida ou morte, de países, sobre todo subsaharianos, onde o resultado seguro sería morte. Xa sei que hai persoal sanitario que viaxa alí a atender necesidades médicas, pero o tipo de operacións que necesitan non se poden facer en calquera centro hospitalario. Tampouco é a única organización que trae nenos, pero esta ten a característica de que os cativos veñen acompañados das súas nais. Algo que é bo tanto para as criaturas, que non se encontran nun mundo estraño sen ninguén coñecido, rodeado de adultos cando están afeitos a verse rodeados de rapazada, como para as nais, que non teñen que pasar días angustiadas, pensando en que será da neniña, como o estará pasando e que lle estarán facendo. Ben, angustia pasan bastante, pero están con eles. Nenos e fillos paran na casa das familias voluntarias, mentres non son hospitalizados, e logo tamén as nais. O billete tamén o pagan os voluntarios, e a eses países non hai voos low cost.

Os gastos médicos págaos a Seguridade Social. Haberá quen diga que coas listas de espera que hai, e que primeiro os de aquí, e que se tal. Normalmente, os mesmos que consideran que é lóxico facer recortes na sanidade. Se salvar, ou tentar salvar, a media ducia de nenos ao ano pon en perigo o sistema de saúde é que non anda moi ben. Nin o sistema sanitario nin o seu sistema de valores. Pero ten que haber de todo. Hai pouco, a nai dunha nena tiña un problema dental gordo. As voluntarias que a atendían „creo que xa dixen que case todas son mulleres„ levárona a unha clínica dental. Cando foron pagar, dixéronlles que soamente lles cobraban o material, que que menos que eles colaboraran tamén. Supoño que haberá tamén quen proteste e que diga por que non o atenden a el de balde. Antonte quedei cun amigo nunha das terrazas da praza do Papagaio. Estaba tocando un grupo. Un grupo de amigos que non o facía mal. Había unha chea de xente. Logo souben que era un acto festivo no que se sorteaba un cadro doado por un pintor, Declan Faulkner. Segundo as contas, entre a venda de rifas, merchandising, e unha pequena axuda do bar, a recadación foi de 1.773,40. Xa teñen para outro billete.