Plácido Domingo está nesta época recollendo parte do que sementou durante boa parte da súa vida, e non me refiro a aplausos pola súas actuacións nos escenarios, supoño que merecidísimos, senón á repulsa polas súas actividades detrás deles. Que Domingo tivese unha garganta privilexiada non é incompatible con que tivese as mans soltas, senón incluso unha cousa deriva da outra: como era quen era, podía facer o que quería con quen quería, ou como dixo unha das súas vítimas, "quen lle ía dicir que non a Deus?". Os relatos das acosadas é máis que crible. Un, porque non teñen nada que ganar. Dous, porque parece ser que no mundo da ópera circulaban unha serie de instrucións preventivas para mozas sobre como relacionarse co tenor. E tres, porque o propio acusado esgrimiu na súa defensa que pensaba "que todas as interaccións e relacións era benvidas e consentidas" e recoñecía que os valores de hoxe "son moi distintos de como eran no pasado".

Non estou moi seguro de que o acoso sexual aproveitando unha posición de superioridade estivese antes ben visto, ou se considerase moralmente neutral, por moi habitual que fose. Hai cousas, non obstante, que si mudaron cos tempos, como están a comprobar Robert de Niro e Justin Trudeau, o primeiro ministro de Canadá. Trudeau, un dos poucos políticos que quedan cos que te irías tomar unhas cañas „ademais de por razóns antropolóxicas„ tivo que pedir perdón por unha fotos de mocidade nas que aparecía disfrazado de rei Baltasar. O novo catecismo que rexe nas partes favorecidas do mundo establece que iso é apropiacionismo. O apropiacionismo empezou sendo un movemento artístico (coller elementos anteriores, artísticos ou non, para crear novos) e derivou no apropiacionismo cultural, que vén sendo a utilización ("usurpación") de elementos dunha cultura por xente doutra cultura dominante. Do que acusan, por exemplo, a Rosalía, de facer flamenco sen ser xitana nin andaluza (acúsaa xente como La Mala Rodríguez, que mestura flamenco con hip-hop, xénero que todo o mundo sabe que naceu en Sanlúcar de Barrameda).

Por aí fóra van máis en serio: Scarlett Johansson tivo que renunciar a un papel de transexual ante as críticas, e mesmo a BBC recibiu ataques por escoller un actor non enfermo como protagonista para unha versión de El hombre elefante. Supoño que agora, para un remake hollywoodense de Mar adentro, Fernando León de Aranoa tería que buscar un actor tetrapléxico para interpretar a Ramón Sampedro. Eu confeso que cometín, como Trudeau, apropiacionismo. Participei disfrazado de indio nunha representación infantil. No meu descargo teño que dicir que tiña compañeiros nacidos en Suíza ou Venezuela, pero eramos todos tan vernáculos que lle chamabamos "andaluz" a todo o que viñese de máis alá de Ponferrada, e non había indio ningún. Mesmo en todo Monforte e contorna non había daquela ningún negro auténtico que puidese facer de Baltasar.

O de Robert de Niro é máis grave: foi acusado por unha exempregada de contactos físicos non desexados, abusos verbais e discriminación de xénero. Os contactos físicos non desexados, segundo a denunciante, foron que o actor lle fixo rascarlle o lombo. A discriminación viña porque había cousas que non obrigaba a facer a empregados homes, como lavarlle as camisas, e por riba pagáballe menos que a eles. A información non especifica para que contratara De Niro á demandante, nin aos favorecidos empregados masculinos, se para guionistas, axudas de cámara ou que. Si indica que a muller demandouno despois de que o actor a denunciase por cargar centos de miles de dólares nunha tarxeta da compañía. Eu, por eses cartos, estou disposto a lavarlle as camisas a De Niro, a que me berre e mesmo a rañarlle o lombo.