Posiblemente, un dos períodos históricos máis estudados e documentados da Galicia moderna sexa o chamado vazquismo. Sen dúbida, o tema préstase tanto pola traxectoria e atractivo do seu personaxe principal „o relato dun desclasamento„ como pola propia potencia ideolóxica da súa concepción solipsista da Coruña como cidade en si e para si, completamente allea, cando non arredada, ao discorrer dos feitos alén da Ponte da Pasaxe.

Na parte diúrna do vazquismo, temos unha cidade pequena pensada ao grande, de xeito análogo ao que a némese de Vázquez, Lendoiro, concibiu o Deportivo: con ambición e vontade de estilo. A densa rede de infraestruturas sociais, culturais e deportivas espalladas por toda a cidade así como o icónico paseo marítimo abondan para dar testemuña visual da súa paixón construtiva.

No reverso da historia, atopamos o esquema clásico do reparto amigable dunha cidade como un botín entre os catro ou cinco señores locais do diñeiro de sempre, o pacto de non agresión asinado coas elites do franquismo e as sombras, tan hispánicas e epocais, dun enriquecemento ilícito que, abofé, nunca ha ser xulgado antes da súa prescrición. Unha crónica a escala reducida da Transición española.

Pero a gran construción ideolóxica do vazquismo, aquel que funcionaba ao mesmo tempo como cortina de fume das comenencias urbanísticas e de doutrina integradora das distintas clases sociais, é o coruñesismo. Un coruñesismo exacerbado logo do trauma da perda da capitalidade que se distingue, sobre todo, polo seu agresivo carácter antigalego. Unha fobia que entronca, de xeito lineal, coa imposición do español como identidade cultural única e oficial durante o franquismo. A cruzada política, legal e administrativa contra o galego na Coruña vazquista proseguía, sen solución de continuidade, a tradición punitiva e persecutoria do franquismo contra o noso idioma, considerado, no mellor dos casos, un estigma pola súa clase social de procedencia, no peor, un síntoma de separatismo. A Coruña renunciaba así a cumprir co rol de Barcelona de Galicia que a súa propia historia „a Real Academia Galega, a Cova Céltica, as Irmandades da Fala, o republicanismo obreiro„ lle confería e aspiraba a converter nun arrabaldo de Madrid nordesío e atlántico.

A aprobación, no pleno municipal do pasado 3 de outubro, da moción que dá inicio ao trámite parlamentario da lei da Área Metropolitana da Coruña (AMAC) supón un punto e final simbólico e administrativo á tradición isolacionista da Coruña imposta durante o vazquismo. Son moreas os atrancos que restan aínda por superar, o máis evidente de todos, o da propia Xunta de Galicia en mans dun Partido Popular que xa manifestou no Pleno a súa oposición á AMAC, e que olla con preocupación como as grandes áreas urbanas galegas renegan, en sucesivas convocatorias electorais, dos seus coidados paliativos. Unha Xunta que non vai dubidar en tentar esnafrar, como xa fixo en Vigo, calquera tentativa de posta en marcha dun ente supramunicipal que aspira unicamente a darlle carta de natureza administrativa ao que xa existe no día a día das persoas que viven e traballan na comarca coruñesa. Pero esa historia contarémola máis adiante.