16 de octubre de 2019
16.10.2019
La Opinión de A Coruña
algo que declarar

Cataluña

15.10.2019 | 20:21

O 30 de setembro de 2005, coa presidencia de Pasqual Maragall, o parlamento catalán aprobaba a Proposta de novo estatuto de Cataluña por 120 votos a favor e os 15 contrarios dun PP dirixido daquela por Josep Piqué, o actual directivo de OHL, a construtora en risco de quebra inminente de Villar Mir. Volvamos ao Estatut. O texto emanado do Parlament definía, no seu preámbulo, a Cataluña como nación e, na parte dispositiva, sinalaba, entre outras cuestións, o deber de coñecer o catalán, equiparando o seu estatus ao do español, e ampliaba considerablemente a capacidade de financiamento da Generalitat.

Remitido ao Congreso en novembro de 2005, e logo das negociacións mantidas aquel inverno entre o PSOE e CiU para mellor adaptalo aos límites do autogoberno impostos na Constitución Española, Artur Mas e Zapataro acordaban un texto final que pasaría a ser alcumado polos seus detractores como O Estatut da Moncloa. Esta versión nova sería a finalmente aprobada no Congreso dos Deputados o 30 de marzo de 2006, cos votos favorables do PSOE, IU, PNV, CiU e BNG entre outros, e co voto en contra do Partido Popular e ERC, ademais de Eusko Alkartasuna. No referéndum do 18 de xuño dese mesmo ano, o Estatut era aprobado en Cataluña cunha maioría de tres cuartos, e entraba en vigor sen que se rexistrasen tumultos ou quebrantos da convivencia diaria en Cataluña, nin a bancarrota da facenda do estado.

Esta crónica virtuosa de concertación, diálogo e acordo resulta, como vemos, demasiado civilizada e democrática para o estilo dun país afeito a ver entrar, de xeito periódico, a furia cuarteleira a cabalo nas Cortes. Restaban aínda por se manifestar outros poderes do Estado, neste caso, o xudicial, o Tribunal Constitucional invocado polo Partido Popular cun recurso de inconstitucionalidade o 9 de agosto de 2006. Tres anos máis tarde, este Tribunal declaraba inconstitucionais 14 artigos do Estatut catalán de 2006 e deixábao, na práctica, sen efecto. Era a primeira vez que o alto tribunal se manifestaba sobre unha lei fundamental ratificada en referendo e facíao rachando co principio básico de respecto ao pactado. O 10 de xullo de 2010, unha manifestación masiva de máis dun millón de persoas percorre as rúas de Barcelona en protesta ante a resolución do tribunal baixo o lema: Somos unha nación. Decidimos nós. Era o comezo do procés.

Os presos políticos cataláns que estes días coñeceron a súa sentenza condenatoria polos feitos do primeiro de outubro de 2017, serán, de feito, reos tamén pola súa vindicación dunha norma que foi ratificada por maioría no Senado e no Parlamento español. Unha sentenza que non vai contribuír a resolver o contencioso político de fondo, senón a encrespalo aínda máis en proveito unicamente daqueles que non teñen nada que perder en Cataluña.

Cómpre rescatar a política das catacumbas xurídicas, dos seus teólogos monistas da unidade revelada e protexida polas armas. Existen recursos excepcionais análogos e inversos ao 155 para facelo, para sacar á política dos xulgados e levala de novo aos parlamentos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook