28 de octubre de 2019
28.10.2019
La Opinión de A Coruña

Defensa da poesía

27.10.2019 | 21:32
Defensa da poesía

Ooutro día comentábame una amigo escritor que se atopou nunha feira do libro a un prestixioso estudoso da literatura galega folleando un dos seus poemarios. "Que tal home, vexo que segues escribindo dos mínimos?". Sobre o libro do poeta non comentou nada e, sen máis, despediuse "ata outra, eh". O meu amigo ficou abraiado. O que menos importa é na norma en que escribes, senón o que escribes. É para entolecer. Vaia, será que eles son así. Se cadra sofren unha especie unha pandemia universitaria de estraña catalogación para a que aínda non se encontrou a vacina e, por iso, non andan ben da paixón. Que marabilloso é un poema dun cativo, dun ser humano sen escola, dun rebelde, aínda que estea cargado de fallas de ortografía. Pero sobre isto da poesía, aínda hai moito máis que as rarezas dos críticos e ensaístas. Todos lembraredes aquela famosa frase tan utilizada: "Perdón, pero eu non leo poesía porque non a entendo. É moi difícil. Non sei que dicirlle, cústame moito". A persoa que o di, dío de boa fe, iso non debemos dubidalo. Non hai mala intención. Por iso, ti, que es poeta, calas a boca resignado á esperanza da chegada de días mellores. Gustarías explicarlle a esa persoa que non hai nada máis ofensivo para un artista que alguén lle diga que non comprende a súa disciplina. Non porque lle pareza unha bazofia o que fas, senón porque non presta atención a esa forma de arte. "Eu non vexo pintura porque non a entendo. E a escultura tampouco. E non escoito música clásica como non sexa Bach". Tanto ten, só son desculpas. Pero, curiosamente, estes comentarios son máis frecuentes á poesía que a estas outras disciplinas. Nisto os poetas gañamos por goleada. Moitas veces quen afirma que non le poesía, faino escudándose en darlle un halo de superioridade a esta arte meirande que a calquera outra. Está suxerindo que iso da poesía é para xente moi preparada, moi culta e cunha sensibilidade especial. Se o poeta é un inocente, crerá esta explicación, se é algo pícaro, sospeitara que agocha a preguiza do lector. Crear arte é un delicioso pracer, mais tamén require dun esforzo. De igual xeito, contemplalo é un gozo para o espírito, mais tamén require dun certo esforzo. O que non le poesía é porque non quere, non porque sexa un xénero literario complexo. A min resúltame máis complexo comprender un programa de ordenador que un soneto de Quevedo ou unha cantiga de Rosalía, sen embargo todos os cativos teñen un ordenador que foi agasallo dos seus pais, parentes, amigos ou avós, mais estes pais, amigos parentes e avós, non os agasallan cun libro de Quevedo ou de Rosalía. Xogamos nun equipo que parte con inferioridade. Normal que nos goleen. O partido está perdido antes que o árbitro pite o silbato. Será que o universo das aventuras agora é sedentario e o que alimenta a poética é nómade? Non estaremos criando un planeta onde o mundo nómade careza de sentido? Sería terrible. Cada día comprendo máis aos bosquimáns.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook