04 de noviembre de 2019
04.11.2019

Fernán ou Duguesclín

03.11.2019 | 20:30

Hoxe o meu artigo non o vou contar eu. Voulle dar a miña voz a Don Pedro I, El Cruel, que nos vai contar unha curiosa historia. Don Pedro: "O meu nome é Pedro, aínda que a historia me recorde como Pedro I, El Cruel. Pero eu non son o protagonista deste artigo. O protagonista é Fernán Pérez de Andrade, cabaleiro presto á batalla, amante da caza, os libros de cabalería e a poesía dos trobadores. Fernán Pérez de Andrade tiña o sobrenome do Bo. Pero isto non significa nada. Era o cuarto da dinastía dos Andrade que levaba ese alcume. Don Fernán era dun carácter voluble, como pronto comprobarán. Tan pronto actuaba como mecenas da igrexa como usurpaba os seus bens e facíao polas bravas. Entraba a cabalo na casa do Señor e a ameazaba coa súa espada aos clérigos, facéndose coas propiedades que a igrexa posuíse no lugar. Estes comportamentos eran posibles porque os Andrade, que eran unha familia nobre, pero discreta, trabaron relación coa poderosa Casa de Trastámara, o que supuxo que ostentasen unha grande influencia nas vilas de Ferrol, Vilalba e Pontedeume. O seu trato co meu rival, Enrique II de Castela, fixo que Fernán acadase o título de conde e gozase dunha grande relevancia na corte. Pero como dixen, era de carácter voluble. Chegou o momento de tomar partido por min ou o por Enrique, e decidiu tomar bando por min. Triunfamos en Aragón e Don Fernán gozou da recompensa polo seu apoio á miña causa. Mais cando tivo noticias que Don Enrique contrataba, desde o seu exilio de Portugal, as Compañías Brancas que comandaba Beltrán Duguesclín, non o dubidou e mudou de bando. Duguesclín era un excelente guerreiro e as Compañías Brancas acadaran a súa sona en toda Europa por ser hostes violentas e acostumadas ao combate. Eran temibles e implacables cos seus inimigos. Vedes por que dicía que don Fernán tiña un carácter voluble? Durante a batalla de Nájera loitou a favor do meu medio irmán. Pero iso non foi o peor. El estivo presente no acto traizoeiro que Enrique tramou contra min en Montiel. Lembran a famosa frase... "Nin quito, nin poño rei, pero axudo ao meu señor"? O puñal penetrou nas miñas carnes e a ferida foi mortal. Pero non foi Beltrán a man executora. El limitouse a suxeitarme mentres Fernán pronunciaba a frase con acento galego e non con francés. Pola miña banda pouco máis podo engadir". Pero Fernán, tamén quere intervir no artigo e facelo na súa defensa. Fernán: "Quen pode probar que fun eu quen matou a Pedro I, El Cruel. E ademais, o mundo tampouco perdería moito librándose dun ser tan abxecto. Pero quero limpar a miña memoria. Eu nacín en Betanzos, e nesta vila fundei as igrexas de San Francisco e de Santa María de Azougue, e non só protexín a cabaleiros de ben e a poetas nas miñas posesións, senón que sementei de castelos os mosteiros os meus territorios. Fixen que se construísen pontes que cruzasen o río Tambre, a ponte sobre o Eume, a Torre Homenaxe do castelo de Andrade, o Mosteiro de Montefaro, e moitas outras obras que aínda recorda con gratitude o pobo. Non merecería eu o alcume do Bo? Penso que si. Aínda que o ingrato Don Pedro pretenda luxar a miña memoria coas súas mentiras. Claro que cun alcume así, El Cruel, que podíamos esperar?" Falaron os dous. É falsa esta nova versión ou é certa? Agora o veredicto é seu.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook