29 de febrero de 2020
29.02.2020
si, home, si

Esas mans amigas

28.02.2020 | 23:01

Para que non digan que estas cousas de opinión non valen para nada, voulles contar un secreto: a maior parte da política española está dirixida polos mesmos guionistas que o programa de Ana Rosa Quintana. Non é que teña fontes nas máis altas instancias do Estado, ou nas máis baixas. A los hechos me repito, que diría Caneda. Veume a iluminación cando vin esa imaxe do líder do PP, Pablo Casado, presidindo unha Comisión de Seguimiento del Covid-19 do PP. "Hoy hemos reunido a exministros y secretarios de Estado de Sanidad del PP para hacer seguimiento de la crisis del coronavirus. Tendemos la mano al Gobierno para colaborar, le pedimos eficacia y transmitimos confianza en nuestro Sistema de Salud, que es un referente mundial", asegura na súa conta de Twitter. Supoño que esa imaxe tranquilizará ao electorado conservador, que ve unha man firme no temón ("Bien hecho. La ciudadanía está asustada", di unha señora, aínda que outra, menos colaboradora, aconsella: "No tiendan la mano a quien no lo merece, háganlo separado de ellos"). E tamén acougará á cidadanía toda. E ao Goberno, vendo unha oposición tan responsable, que aparca –momentaneamente supoño– problemas de tanta gravidade para España como o de se a señora venezolana esa pisou ou non chan patrio.

Esa exhibición de compromiso, case unha hemorraxia de responsabilidade, é un xesto semellante ao que perpetrou a prestixiosa comunicadora Ana Rosa, tomándolle a temperatura en directo ao todo o persoal presente no seu plató. Imaxino que habería unha unidade de illamento e profilaxe tras do decorado, e unha ambulancia co motor en marcha no exterior dos estudos, por se o termómetro captaba algunha décima sospeitosa entre os chequeados. O que non sei é se os espectadores estarían a salvo no caso de terse producido algún positivo no programa. Non o teño moi claro vendo os reporteiros eses que fan os directos coa mascarilla. Se a poñen será por algo. A ver se Mariló Montero, que tantos consellos médicos daba nos seus programas, analiza a cuestión nese que vai facer dentro de pouco en Canal Sur co seu exmarido, Carlos Herrera. Os medios públicos para iso están.

De todas formas, sen deixar de agradecer o xesto de Casado e o resto de expertos en sanidade (á exministra Ana Pastor era o que lle faltaba, andar de figurante) eu, desde a ignorancia máis redonda no asunto, suxeriríalle á Comisión do coronavirus do PP (CCPP) que estendese a súa man amiga a outros aspectos dese Sistema de Saúde (entendo que público) que é "referente mundial". Por exemplo, analizar cantos postos de médicos e enfermeiras e resto do persoal sanitario fan falta recuperar para que ese servizo "referente mundial" non dependa, como agora depende, da entrega dos que quedan e compensan con profesionalidade os recortes que houbo. Repoñer eses miles de millóns que se lle quitaron no seu día ao citado referente. E non desviar fondos a promover os negocios privados da saúde. E promover que se destinen cartos á previr, investigar e curar as enfermidades que, aínda que non saian nos titulares nin nos magazines televisivos, matan –neste caso si– centos de miles de persoas en España.

Non sei se o Goberno lle prestaría que lle tendesen a man neses aspectos. Os gobernos son moi seus. Pero a cidadanía, sobre todo os usuarios efectivos ou potenciais dese Sistema Referente Mundial creo que o agradecerían. Sobre todo se ademais hai propósito da emenda.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook