Parece que os remedios máis efectivos para esta gripe nova do Covid-19 son os mesmos que para os da gripe de toda a vida, pero que non tiñamos en conta porque a gripe é unha vella coñecida. Tan vella que, a pesar de ter unha mortalidade que, sen ser grande, tampouco é pequena de todo, moitos non a diferenciamos dun catarro. Pois eses remedios non son andar cunha mascarilla como se fósemos camiño dun quirófano, senón outros tan evidentes como non andarlle esbirrando á xente na cara e ter as mans limpas. E non poñerse efusivo de máis. Incluso selo de menos e saudar como os sioux, erguendo a man e ensinando a palma a distancia para mostrar que non levamos nada de lanzar ou co que pegar. Parece bastante máis fácil que deixar de fumar ou de comer lambonadas.

E logo por que se adoptan esas medidas que nos converten a todos en algo parecido a eses nenos-burbulla aos que ter apartados porque non teñen defensas, e calquera trangallada pode levalos deste mundo? Do máis sensato que lin sobre este asunto que nos ten a todos opinando como expertos en epidemioloxía e viroloxía é que toda esa parafernalia preventiva e un chisco alarmista (un chisco ou un monte, dependendo) é non tanto pola gravidade puntal da enfermidade, pola súa intensidade, senón pola súa extensión. Xa temos unha gripe estacional normal, que mata, ou máis ben axuda a morrer, entre un cuarto e medio millón de persoas ao ano no mundo, segundo a OMS. Xa houbo outras epidemias de coronavirus (ademais daquela gripe aviar, non sei se lembran) que xurdían na China, e na China se apagaban porque é moi grande e atallaban a doenza antes de que se expandira. Pero agora a xente, e non digamos as mercadorías, viaxan moito máis, e con ela, as enfermidades. Se o coronavirus, Covid-19, se estende o bastante como para que se faga crónico e se constitúa endémico ou pandémico, a maiores dunha gripe que xa amola o seu todos os anos teremos outra. As dúas coas súas respectivas cotas de mortes e as súas pertinentes campañas e períodos de vacinación, e posiblemente coas súas mutacións e combinacións máis ou menos letais. É dicir, estannos metendo medo polo noso propio ben, presente ou futuro. Como os contos infantís.

O malo de todo isto é que antes o percorrido dos mentiráns e dos ignorantes eran moito máis reducido. Agora, coas redes sociais, os rumores e as supersticións avanzan á par das noticias contrastadas. Nunca tanto terraplanismo houbo, ou polo menos nunca tanto se fixo notar, e os comportamentos histéricos superan ás actitudes sensatas en ámbitos que se supoñían informados. Por iso é difícil de entender que nun país haxa medidas tan drásticas como en Italia, onde pretenden colocar aos asistentes ás misas de un en fondo, separados un metro como nas formacións militares, e que inspeccionen aos que entran no país, pero non aos que saen. Pola contra, aquí non se suspenden nin as Fallas en Valencia (unha das zonas máis afectadas), mentres en Portugal a responsable de saúde pública di con total tranquilidade que estima que poden chegar a ser contaxiadas un millón de persoas (que vén sendo un de cada dez portugueses). Dá a impresión de que nin as autoridades sanitarias saben se estamos diante dunha peste medieval ou da extensión do reguetón (situacións completamente opostas aínda que sexan igual de desagradables).