Xa che explicaron mil veces que é inútil, que vai gañar a dereita si ou si, que iso é inevitable no noso país, como os incendios ou a diáspora. Así que o domingo mellor queda na casa e non votes. Total, para que? Que voten os outros, os que pensan que as cousas están ben como están. Os que non teñen un fillo ou unha neta na emigración e chegan a final de mes sen final de mes. Deixa que voten os outros, os que teñen máis medo dos okupas que da hipoteca. Os que levan os fillos á privada ou á concertada. Deixa que voten eses por ti porque eles si saben o que é bo para todos. Para ti tamén. Ti queda na casa. Non ves que xa está todo decidido, que todo o mundo quere que as cousas sigan como están? Que Galicia non dea problemas, que non levante a voz, que non diga: aquí estou eu. Esta Galicia mansa e calada gusta moito fóra. Ninguén sabe o que fixo Feijóo, pero aí está e que ben fala. En Madrid están moi contentos con el porque non dá problemas. Galicia nunca dá problemas. Ademais, as cousas non van tan mal. Se o pensas ben, non se precisa cambio ningún. A xente marcha, deixa os campos a monte, as cidades non medran. Pero iso non é nada raro, é un proceso natural. O país encolle, murcha, envellece, pero é un proceso natural. Ti non votes o domingo. Xa votamos nós por ti. Porque as cousas están ben como están. Ou ti ves que haxa moita xente descontenta? Moita xente á que lle vaia mal? Non, iso non se ve por ningures e, se non se ve, é que as cousas van ben. Feijóo non se sabe moi ben o que fixo. Ninguén fala do que fixo ou do que vai facer. Pero fala ben e non dá problemas. Deixa as cousas como están. Máis vale malo coñecido. Somos un país de malos coñecidos. Non veñas ti dicirnos agora que algo vai mal. Ninguén te vai crer. Ninguén vai crer que as cousas van mal aquí. As industrias pechan, o campo baléirase e o monte arde cada verán. E que? O que diga que ten solución para iso, minte. Neste país, as cousas que non funcionan non teñen solución política. Son así desde sempre e non teñen remedio. Por iso mellor non votes o domingo. Mellor queda na casa. Non pensarás que é posible outro país? Este país está ben como está e queremos que siga sendo así. Non se pode ter todo. É mellor que deixes as cousas como están. O voso aire, os vosos ríos, a vosa xente son de todos. Son nosos. E así debe seguir sendo. O domingo non votes. Deixa estar as cousas como están. Non digas nunca máis. Se non che gusta este país, podes marchar cando queiras. Pero o domingo non votes. Deixa estar as cousas como están.