08 de octubre de 2020
08.10.2020
La Opinión de A Coruña
algo que declarar

Francisco I na Toxa

08.10.2020 | 00:53
Francisco I na Toxa

"Nos sectores acomodados de moitos países pobres, ás veces entre aqueles que foron quen de saír da pobreza, advírtese a incapacidade para aceptar características e procesos propios, caendo nun menosprezo da propia identidade cultural", sería difícil atopar unha descrición mellor do acontecido na Illa da Toxa a semana pasada ca esta frase tirada da encíclica Fratelli tutti publicada por Francisco I o pasado 4 de outubro. En efecto, para os reunidos a semana pasada na illa que pecha polo sur a ría de Arousa, o galego segue a ser aínda unha lingua de pobres, unha lingua non apta para nomear o escenario do concilio de vellas glorias do bipartidismo neoliberal español alí congregadas, como non, baixo o manto tutelar e sagrado do fillo do rei fugado nos Emiratos Árabes Unidos. Mellor así, que a nosa lingua non se vexa lixada polo trato con esta xente, porque nós falamos nun idioma, como dixo o vello Lugrís, "na que nunca se ditaron sentenzas de morte". Que así sexa.

Reunidos, pois, en La Toja os ilustres próceres e responsables ex aequo do desastre español en curso, dedicáronse a pontificar soberanamente sobre o presente e o pasado en sentido exactamente inverso ao contido das palabras da encíclica social do xesuíta Bergoglio. Mentres o estado que eles gobernaron por quendas durante décadas amosa hoxe os efectos catastróficos dunha economía baseada no monocultivo turístico e sometida a unha rigorosa dieta de privatizacións e liberalizacións que destruíu todo o tecido empresarial público, a posibilidade de contar con industrias a futuro e multiplicou a conta de ingresos do capital financeiro e das enerxéticas, mentres todo isto acontece hoxe no estado que gobernaron, eles repiten sen cesar as súas vellas receitas fracasadas sabedores de que, pase o que pase, a eles nunca lles pasará nada. E se non, aí está a imaxe de Rodrigo Rato saíndo da cadea en terceiro grao para recordárllelo.

"O mundo avanzaba de maneira implacable cara a unha economía que, empregando os avances tecnolóxicos, procuraba reducir os custes humanos, e algúns pretendían facernos que abondaba coa liberdade de mercado para que todo estivese asegurado", advirte no mesmo texto Francisco I sobre o estado evolutivo do Capital antes da chegada do Covid-19, a Globalización, que describe nos seguintes termos: "Abrirse ao mundo é unha expresión que foi hoxe cooptada pola economía e as finanzas. Refírese exclusivamente á apertura aos intereses estranxeiros para investir sen trabas en todos os países". E cómpre lembrar aquí que, xuntas, entre Amazon, Google e Facebook non pagaron nin 24 millóns de euros en impostos no estado español.

Mágoa que non estivese a semana pasada Francisco I na Toxa -el negaríase a chamarlle La Toja, que é un dos nomes de Babel- para lembrarlle aos presentes a necesidade de contar cuns servizos públicos eficientes para que os nosos maiores non fosen "descartados" por falta de respiradores, ou a obriga de acoller os migrantes aos mesmos que inzan estes días as praias de bandeiriñas españolas como se fosen arame de espiño. Beizón, Bergoglio.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook