Houbo un tempo no que a democracia se exercía de xeito directo ante o pobo reunido en asemblea. Sen delegación do voto en intermediarios practicamente descoñecidos, sen a influencia decisiva dos grandes grupos mediáticos ao servizo dos intereses particulares do gran diñeiro, capaces de determinaren a opinión pública nas democracias representativas dos estados modernos occidentais.

Hoxe resulta case inconcibible que un político do bando popular poida chegar á cima do estado coa soa forza das súas palabras e das súas razóns. Aínda así, xorden ás veces figuras que remiten a ese momento estelar da historia das formas políticas que foi a democracia ateniense. Figuras que resultarían case invencibles se o que contase en política fosen unicamente a persuasión na palabra e a solidez dos argumentos.

Sucede que as democracias representativas dos países centrais están practicamente inmunizadas contra o ascenso dun tribuno da plebe deica o primeiro círculo do poder, o panóptico. Esa é, cando menos, unha das conclusións a tirar do acontecido no estado español de 2014 a esta parte. E no noso país desde dous anos antes. As defensas do sistema funcionan á perfección.

E non cabe dúbida de que erros cometeunos arreo Pablo Iglesias. Os máis tácticos, na nosa opinión, impedir que o PSOE gobernase no 15 con Ciudadanos e entregarlle despois o goberno mediante unha moción de censura no 18 sen esixir nada a cambio. Outros erros entran na categoría do estratéxico. O máis grave, a renuncia crear un movemento popular de amplo espectro, aliado en pé de igualdade con outros preexistentes. Fiouse todo á hipótese dun asalto rápido do ceo institucional, aproveitando unha ventá de oportunidade que comezara a pecharse logo da claudicación de Tsipras ante a Troika.

En todo caso, ademais dos erros propios —a meirande parte deles, provistos de abundante bibliografía e inseridos na tradición cesarista da esquerda— o que máis nos chama a atención é a tremenda eficacia do proceso de demolición do que acabou sendo UP.

Neste sentido, non escatimaron esforzos os actores fácticos que conforman aquilo que Bobbio describiu como o poder invisible. Primeiro lanzaron un partido-sombra, Ciudadanos, inzado de oportunistas e aventureiros, que agora empeza a súa disolución. Logo emprenderon un asedio xudicial que non tivo máis resultado que o de espallar unha sospeita xeral e indeterminada sobre Podemos e o seu líder. Finalmente, promoveuse unha longa campaña de acoso mediático co obxectivo de deshumanizar a figura Pablo Iglesias, deica convertelo nunha especie de supervilán da Marvel.

E se ben a súa retirada pode ser a primeira fase dun futuro retorno, a saída de Pablo Iglesias do goberno convida a reflexionar sobre a viabilidade dun proxecto alternativo ao do consenso neoliberal nas democracias occidentais. Unha opción que, desde logo, non semella posible cando menos a nivel de estado, e que pon de manifesto os límites dunha democracia, a española, na que certos conceptos, como o de nacionalización, empresa pública, subida de impostos ou reforma do modelo de estado, están coidadosamente vetados do debate público.