“O soberano é quen declara o estado de excepción”, concluía hai por volta dun século Carl Schmitt, o teórico do personalismo alemán nos tempos revoltos da Weimar. As súas teses pasaron a formar parte da concepción autoritaria do estado no III Reich e tamén, por suposto, da Ditadura franquista, que o convidaba cada dous por tres a dar conferencias sobre esa reliquia do pensamento reaccionario que foi Donoso Cortés.

E que é o estado de excepción? Pois o contrario do estado normal das cousas. É dicir, aquel que está por riba da norma, alleo a ela, e que constitúe un prerrogativa do soberano declarar. Durante o estado de excepción é posible suspender os dereitos fundamentais, un concepto que procede da tradición universalista da Revolución Francesa, e a razón de estado imponse á “lei que nos demos entre todos” mediante o voto, é dicir, á normalidade.

Nunca tiveron convivencia doada os dispositivos de excepción co resto do ordenamento xurídico naquelas democracias onde impera certa separación de poderes. Acabamos de velo cos sucesivos decretos de estados de alarma durante a pandemia no estado español, sempre mirados con malos ollos desde o estamento xudicial por consideralos abusivos ou arbitrarios, aínda a pesar de seren promulgados para preservar a saúde pública. Aquí Agamben dálle a razón a Ayuso.

E se hai un residuo da tradición personalista e autoritaria do Antigo Réxime incrustada no moi parcheado ordenamento xurídico do 78 español ese é, entre outros, o dereito de indulto, regulado por unha lei de 1870 que non deixaba de ser, xa no seu tempo, unha desacralización do dereito de graza que ostentaba o Rei absoluto, aquel que o era por vontade divina.

O indulto por excelencia nos últimos 45 anos no estado español foi o concedido a Barrionuevo e Vera polo goberno de José María Aznar (hoxe por ti, mañá por min). Pasaron menos de catro meses en prisión e foran condenados por un deses crimes imperdoables en democracia pois cuestionan a lexitimidade mesma do estado como garante do principio legalidade: a guerra sucia contra ETA. Un procedemento de excepción aplicado para cubrir a desfeita doutra miseria excepcional, a dos GAL, da que apenas sabemos nada, pois forma parte dese material reservado e protexido pola Lei de secretos oficiais, asinada o 5 de abril de 1968 por un tal Francisco Franco. En España o pasado nunca pasa.

Con semellantes precedentes resulta penoso escoitar estes días os argumentos de Felipe González ou de Alfonso Guerra contra o indulto aos presos políticos cataláns que quere decretar o goberno, e que é o preámbulo necesario para o tratamento da cuestión catalá por medios políticos. Se o recurso á violencia deslexitima en democracia os fins de quen a emprega, nos acontecementos do 1 de outubro, a violencia non estaba precisamente no lado dos que puñan as urnas, senón dos que as retiraban. O recurso de excepción, o indulto, debe aplicarse, desta vez, para restituír a vía democrática, non para selar os sumidoiros da razón de estado.