“La violencia ni es machista ni tiene género” a frase coa que lixamos o empezo deste artigo é obra do concelleiro de Vox en Burriana, Jesús Albiol. Non se trata dunha provocación, nin dun lapsus na calor do debate, senón da revelación dunha crenza profunda na ultradereita española: a violencia machista, como o Holocausto, é unha invención da esquerda.

Hai cinco anos sería difícil escoitar declaracións así por parte do membro dun partido con representación parlamentaria. Hoxe son comúns nos discursos do terceiro grupo parlamentario do Congreso por número de deputados. E non estamos ante un fenómeno illado nin moito menos; de Trump a Bolsonaro pasando por Orbán ou Kaczynski, a nova vaga da ultradereita mundial, que podemos caracterizar como un populismo baseado no odio, fixo do desprezo ao estranxeiro, á feminista, ao comunista ou o musulmán o eixo dos seus discursos e tamén do seu programa. Nada novo en realidade: xa o vello camisa azul Blas Piñar remataba os seus discursos nas prazas de touros da Transición cunha afervoada ladaíña denunciando os “maricas, invertidos e prostitutas” que seica empezaran a inzar as rúas desde a chegada da democracia.

Entre Blas Piñar e os gorilas de Abascal pasaron algo máis de corenta anos nos que semellaba que esvaeceran por fin as cadeas do medo e do silencio que mantiveran recluídos nas sombras aqueles que non desexan como deus manda. Acabamos de ver que non é certo. As batallas culturais da ultradereita viñeron conmover consensos que semellaban inamovibles, como o da igualdade entre os xéneros e o recoñecemento das diversidades afectivas. O machismo subsiste como ideoloxía resistente en amplas capas sociais dunha poboación masculina que sinte ameazado o seu lugar no mundo desde a crise de 2008, e que devece polo regreso a unha vella orde patriarcal mitificada. Ao contrario do que di o concelleiro de Vox, e como constatan o feminismo e os feitos, o machismo mata e maltrata a diario. Levaranos décadas superalo pero, desde logo, nesa loita vai incluído o combate das teses dos seus representantes políticos.

A Coruña é unha cidade aberta, tolerante e cosmopolita que odia o odio dos que mataron a Samuel. O que non cabe na Coruña son a homofobia e o fascismo. Esas son paixóns alleas a nós, que cómpre identificar e desterrar da nosa cidade. Así o reclamamos masivamente na concentración do pasado luns en María Pita. Reclamamos xustiza para Samuel, o rapaz asasinado cruelmente a madrugada do sábado. Pero esa é unha xustiza que non se esgota nos tribunais, que esixe a construción dunha sociedade na que se identifiquen e estigmaticen o machismo e a homofobia como condutas intolerables. Cómpre devolver o fascismo ás sombras e ás tobeiras das que nunca debeu saír. Un fascismo que habita entre nós, dentro de nós, e que toleramos como unha cousa natural, pero que é difundido, día tras día, desde os medios de comunicación, os patróns culturais, as redes sociais. Esa é a nosa verdadeira débeda con Samuel.