Corenta e oito anos despois, Chile vota de novo socialista. Confírmase a vixencia da longe durée que ideara Fernand Braudel, e que fora máis tarde ampliada e adaptada para o marxismo polo seu mellor discípulo: Immanuel Wallerstein. Chega ao seu fin o devalar reaccionario en Chile, a longa noite de terror neoliberal imposta polas armas de Pinochet un 11 de setembro de 1973, e planificada e executada nos despachos gobernativos polos rapaces de Milton Friedman, os Chicago Boy. A desaparición do Estado como primeiro actor na economía estatal e a súa substitución polo Mercado como único axente con lexitimidade para ordenar a vida pública, non trouxo máis que as coñecidas fases de expropiación da riqueza nacional e a súa concentración en poucas e moi privadas mans. É dicir, pobreza para os moitos e altos beneficios para moi poucos. Fixeron falta 48 anos para amosar o fracaso do modelo neoliberal en Chile e a posibilidade novamente de construír democracia na economía a través do voto.

A vía democrática ao socialismo que prometía Allende, cómpre lembralo, era unha posibilidade que horrorizaba ao Secretario de Estado norteamericano naquela altura e futuro Premio Nobel da Paz, Henry Kissinger. Estragáballe unha dos eixos principais do argumentario anticomunista da Guerra Fría: o da súa natureza autoritaria e antidemocrática. Por iso era necesario actuar antes de que o andazo se espallase a outros pobos de América Latina que cometesen o mesmo erro de pensar que o voto pode servir realmente para cambiar algo, como sostiñan, entre outros, Joan Garcés, testemuña en primeira fila daqueles acontecementos. Ninguén pediu aínda hoxe perdón en Norteamérica pola instigación directa a atentar contra a decisión libre dun pobo soberano. Tampouco ninguén lamentou hoxe, é certo, a soidade á que foi condenada a II República española ante o embate do fascismo polo resto das democracias liberais europeas, con Francia e Inglaterra á cabeza. A Unión Patriótica de Allende, como o Frente Popular do doutor Negrín, representaban un perigo maior que o fascismo: o comunismo. Fidel, cómpre dicilo, e os seus camaradas do MIR, desconfiaban da posibilidade de nacionalizar sen armas as riquezas do país. Os feitos daríanlle a razón e o fracaso da vía democrática chilena ao socialismo determinaría deica hoxe os debates internos nos cenáculos socialistas sobre os límites da democracia liberal.

Ábrese unha nova alba en Sudamérica e Chile vai por fin formar parte del, agora si. Axiña pasará a ser alcumado o seu goberno en certos libros de estilo como réxime, e Gabriel Boric será presentado como un sátrapa corrupto ou autócrata incapaz. Tamén haberá caceroladas en protesta polos inevitables corralitos que acabarán por se decretar para evitar a fuga de capitais das elites agora en estado de pánico. Nos cuarteis recibiranse certas chamadas dos mesmos números e os mesmos apelidos de hai 48 anos. Chega ao poder unha xeración educada politicamente baixo os himnos de Quilapayún, Víctor Jara e Violeta Parra, os versos de Neruda, na batalla de Chile de Patricio Guzmán que agora ten que aprender a pasar da épica aos feitos.