As actas das sesións da corporación municipal da Coruña despois do golpe de Estado de 1936, proporcionan información para entender o que significaron corenta anos de ditadura. Así, permiten coñecer que os fascistas eran inimigos da liberdade e do progreso, como recolle o acordo da sesión do Consejo Municipal de 18 de setembro de 1936, que acorda a eliminación, entre outras, das rúas Liberdade e Progreso do barrio de Monte Alto porque esa denominación “pugna abiertamente con el actual movimiento glorioso salvador de España”.

Revisando esas actas, chamoume a atención como podía chegar Eduardo Sanjurjo de Carricarte, con só 26 anos, á Xestora Municipal como terceiro tenente alcalde o 18 de agosto de 1938 (designado a dedo, como todos), que presidía como alcalde Fernando Álvarez de Sotomayor. Figura como primeiro tenente alcalde no Pleno de 23 de xuño de 1939 que, presidido polo alcalde José Pérez Ardá, concede ao ditador Franco a Medalla de Ouro e o nomeamento de Alcalde de Honra.

Durante a II República Sanjurjo estudaba dereito en Valladolid en 1933, licenciándose na Facultade de Dereito de Santiago en xuño de 1936. Que experiencia e que “méritos” tiña Sanjurjo de Carricarte? En Valladolid participou activamente no grupo fundacional das Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista (JONS). Despois da sublevación do 18 de xullo de 1936 incorpórase ao exército de Franco como voluntario de Infantería e participa na Guerra Civil como oficial de complemento, como recolle o informe coordinado polos historiadores Ana Romero e Luis Lamela, por encargo da Consello da Memoria Democrática.

Era un “camarada de primera línea” da Falanxe, os elementos máis radicais con entrenamento paramilitar, que protagonizaban todo tipo de accións violentas e asasinatos, creando un clima de inseguridade e inestabilidade para acabar coa República. José Antonio Girón de Velasco, que chegou a ministro de Franco, era o xefe das milicias falanxistas de Valladolid e, dentro da actividade terrorista dos fascistas, colocaba unha bomba no edificio do Goberno Civil.

Sanjurjo participaba nun tiroteo, dirixido por Girón de Velasco, contra unha manifestación antifascista. Girón dá detalles do seu plan, que traslada a Alfonso Suárez Granda, Jefe de Milicias (recollido na biografía de Joaquín Soler Serano, Diario 16, 21-4-1977): “Coge a todos los camaradas de primera línea que tengas disponibles y los pones detrás del seto de Campo Grande, y que estén quietos. En el momento que yo llegue, que empiecen a tiro limpio con todo lo que venga detrás de mí… Vigilándome por temor a que hiciera una barbaridad, venían dos camaradas: Eduardo Sanjurjo de Carricarte (que moriría más tarde siendo alcalde de La Coruña) y Eduardo Sanz Martín”.

Finalizada a guerra ingresa no Corpo Xurídico Militar. No consello de guerra contra o guerrilleiro Manuel Luis Bello Parga Manolito Bello era capitán auditor e participaba como vogal ponente (o capitán auditor Sergio Peñamaría representaba ao Ministerio Fiscal). Era tenente coronel xurídico cando é nomeado alcalde en 1963 e o ditador Franco concedíalle a Gran Cruz da Orde do Mérito Militar con distintivo branco (1964). Foi tamén procurador nas Cortes franquistas (1961-1964).

Dá nome a unha rúa e a un colexio en Monte Alto, ten un retrato no concello, Medalla de Ouro e un busto detrás do palacio municipal. Conclúe así o citado informe sobre Sanjurjo de Carricarte: “Ademais de participar na Guerra Civil en apoio dos sublevados, participou en varios tribunais militares, na súa calidade de vogal poñente, na represión física do franquismo. Toda unha vida dedicada, como falanxista, a consolidar o franquismo, motivos suficientes para que se lle retiren os honores concedidos no seu día”. Que así sexa.

*Manuel Monge González é sociólogo, membro do grupo de traballo da CRMH da Coruña para a eliminación dos restos do franquismo.