Pasou relativamente desapercibida entre nós aí atrás a nova da marcha do Kremlin de Anatoli Chubais. A súa saída foi interpretada nos medios occidentais como un xesto de oposición á invasión rusa de Ucraína, e nós non estamos en disposición de negalo ou confirmalo, mais si de engadir algunha información adicional sobre este personaxe que resulte de utilidade para formular unha hipótese alén do xornalismo de guerra sobre o que pode estar acontecendo no goberno ruso.

Cómpre empezar sinalando que Anatoli Chubais non era, nin moito menos, un personaxe secundario no escenario da política rusa post-soviética. El foi nada menos que o encargado de dirixir, segundo as súas propias palabras, e coa autorización de Yeltsin: “A maior transformación nas relacións de propiedade da historia mundial”. É dicir, de conducir a versión planificada e estatalista da economía baixo o comunismo soviético deica as augas ventureiras do mercado libre e o capitalismo. O historiador José Fontana resumiría do seguinte xeito aquela operación de derrubo desde arriba: “A orxía do roubo da propiedade estatal e o colapso da orde constitucional minaron todo respecto pola lei: o crime aumentou en taxas catastróficas e a activade empresarial movíase con normas mafiosas”. Neste verdadeiro far-west sería onde nacerían os famosos oligarcas rusos de hoxe, desde Jodorkowski, ata Berezonvsky ou Abramovich, todos eles enriquecidos subitamente grazas á compra fraudulenta e a prezo de saldo das xoias da economía soviética, como a petroleira Yukos.

Chubais, o arquitecto desta operación catastrófica que semella calcada do receitario dos Chicago Boys no Chile pinochetista, permaneceu no Kremlin os últimos 30 anos, primeiro con Yeltsin e logo con Putin, un feito que debería abondar para ilustrar a orientación destes gobernos. A súa marcha, interpretamos nós alén da súa postura perante a guerra, confirma o novo rumbo que vai tomar a política económica rusa a partir de agora, forzada polos efectos da guerra e, nomeadamente, das sancións internacionais: control estatal da banca e dos sectores estratéxicos, nacionalización das empresas estranxeiras pechadas, regulación da economía no seu conxunto. É dicir, o capitalismo de estado propio dunha economía de guerra.

Ao sur dos Pirineos atopamos os indicios tímidos dunha tentativa semellante de intervención estatal sobre os sectores denominados estratéxicos. A guerra e posterior escalada especulativa nos prezos dos combustibles fósiles veu tornar definitivamente inviable un sistema de cálculo da factura da luz baseado no gas e feito á medida do oligopolio enerxético. A chamada excepción ibérica debería servir para introducir unha certa racionalidade entre o custe de produción da enerxía e o seu prezo final de venda ao público, que lle poña couto por fin á espiral inflacionista e ao peche masivo de industrias de todo tipo, pero non abonda para garantilo, nin moito menos. Sirva como precedente a compensación por parte das enerxéticas en menos de un mes da rebaixa do 10 por cento do IVE decretado polo goberno. A baixada de impostos, ao contrario do que predica Feijóo todos os días, non garante prezos menores, só menores ingresos para o Estado.