Numerosas obras de arte ademais de ser testemuños da relación do autor coa súa época teñen unha particular historia que as singulariza despois de ser contempladas ou lidas durante distintas épocas por diferentes persoas. Pode servirnos de exemplo a escena do “lance segundo” da obra de Rafael Dieste A fiestra valdeira (1927) onde o Garreante, un mariñeiro orgulloso da súa condición e oficio, acoitela o retrato de Don Miguel para retallarlle a paisaxe mariñeira que se ve pola fiestra como símbolo dos seus humildes comezos. O Garreante, xusticeiro, non tolera que o acomodado indiano renegue da súa orixe humilde simbolizada na imaxe dos veleiros fondeados na abra da vila. Semellante espírito xusticeiro animou a un obreiro arxentino despedido do seu traballo para anavallar un óleo de Luís Seoane en Bos Aires.

Maruxa Fernández despois de compartir a súa vida con Luís Seoane era coñecedora da intrahistoria de cada cadro do seu marido valorando e aconsellando temas, xestionando encargos, preparando e enmarcando lenzos ou distribuíndo e estampando as cores nos estarcidos que tanto gustaban ao artista.

O caso é que despois de serlle dedicado o Día das Letras Galegas a Seoane en 1994 e despois da morte de Joan Merli (1901-1995), editor, escritor e promotor catalán co que tiveron os exiliados galegos unha moi fecunda relación en Bos Aires, os herdeiros deste decidiron vender un óleo de Seoane adquirido polo seu pai na galería Bonino con ocasión dunha exposición do artista galego.

Joan Merli, xa antes de marchar ao exilio, abandonara a empresa textil familiar para dedicarse á edición de libros, á arte e á literatura. Fundara en Barcelona Edicións Lira coa prestixiosa colección Els Poetes d´Ara (1923-1924), destinada a publicar os novos poetas cataláns do momento, coa dirección literaria de Tomàs Garcés (1901-1993), amigo seu desde a infancia, que aposta por publicar a obra de Salvat-Papasseit. Funda elegantes e coidadas revistas, La má trencada e Quatre coses e a celebérrima ART (1933-1936), que publica un memorable artigo sobre Picasso, e adéntrase no mundo da arte cunha galería que establece a posibilidade de adquirir obras de pintores mediante unha cota mensual de vintecinco pesetas, tal como conta a magnífica revista dixital Negritas y Cursivas. Cando chega exiliado a Bos Aires, despois dunha breve estancia en México, promove a editorial Poseidón, con numerosas colaboracións de Seoane como ilustrador, e encarga a dirección da revista Cabalgata (1946-1948) a Luís Seoane e Lorenzo Varela. Abonda a relación dos colaboradores incluída no número 1 para dar unha idea da altura intelectual e dialéctica da publicación: Alfonso Reyes, Martínez Estrada, Guillermo de Torre, José L. Romero, A. Orfila Reynal (1897-1998) —o gran zar da industria editorial mexicana—, Ernesto Sábato, Romero Brest, Óscar Cerruto, Córdova Iturburu, Norberto A. Frontini, Adolfo Salazar, Romualdo Brughetti, Gabriel Marcel, Otero Espasandín, Villegas López, Felipe Arcos Ruiz (Lorenzo Varela) etc.

Creo lembrar que foi no ano 1997 cando acompañei a Maruxa á estación de ferrocarril da Coruña a onde iba recoller un óleo de Seoane que traían de Barcelona dúas persoas herdeiras de Joan Merli. Previamente pactaran o prezo da obra que será recuperada para a Fundación despois de cincuenta anos da súa venda na capital arxentina. Durante o período convulso da primeira presidencia de Perón (1946-1955) un obreiro despedido por Merli no medio da crise provocada pola escaseza de papel, nunha escena diesteana, acoitela o cadro de Seoane pendurado no despacho do editor catalán en Bos Aires. Este, desconsolado pola desfeita no cadro do amigo, pide axuda para restauralo; Maruxa, coidadosamente zurce o lenzo e Luís, despois dunha limpeza xeral, intervén sutilmente a obra. O resultado final, unha ferida cicatrizada como tantas outras que teñen ocorrido no exilio, un auténtico mapa de cicatrices. O cadro coido que forma parte actualmente dos fondos da Fundación Seoane.