Ás veces, un acto aparentemente banal ten máis capacidade para desvelarnos o verdadeiro estado das cousas que eses grandes dispositivos publicitarios montados, precisamente, coa vontade de atraer a atracción sobre un feito social concreto. Así, os ouveos nocturnos adoecidos dunha recua de mozos universitarios no cénit das súas hormonas fixeron máis por demostrar a vixencia do vello dinosauro da elite patriarcal española que todos os discursos de Vox xuntos sobre a ideoloxía de xénero, o final da familia, da Igrexa ou de Occidente, que son a mesma cousa.

Cadaquén terá a súa bibliografía para estes ritos de pasaxe dos fillos da burguesía, herdeiros e continuadores dunha tradición de mando e privilexio que, no caso español, pode remontar a súa xenealoxía deica o Compromiso de Caspe practicamente, como acabamos de ver cando Luís Medina, Duque de Feria, mediou, no albor da pandemia, na operación de compra de mascarillas máis lucrativa da historia. A socioloxía dos nosos cayetanos escribiuna xa en 1939 Jean-Paul Sartre na súa nouvelle A infancia dun xefe. Nela, Lucien Fleurier, fillo atormentado da alta burguesía francesa, é primeiramente introducido nos meandros da paixón homoerótica por un tal Bergere, membro da bohemia parisina domiciliada en Montparnasse, por suposto. Logo daquela confusión dos sentidos, Lucien regresa decontado ao desexo dereito grazas á influencia benefactora de Lemordant, quen tamén o pastorea polas lecturas Barrés e os parrafeos antisemitas de Charles Maurras, ata facer del un verdadeiro camelot da Acción Francesa, é dicir, un escuadrista daquel fascismo de entreguerras francés elevado por Pétain a estado novo en Vichy, e depurado tras da liberación sen piedade por De Gaulle. Pronto comezarán xuntos as cacerías de xudeus, comunistas, lectores de L’Humanité en escena macabra. O resto da historia é ben coñecida: está a escribila hoxe mesmo Marine Le Pen contra un novo inimigo, o magrebí, como aconsellou facer sempre Carl Schmitt.

No Prólogo de Elipsis e outras sombras Ferrín trázanos o retrato do falanxista galego da mesma época máis menos: a historia do fillo dun prestamista ourensán estudante en Madrid, cativado pola retórica ampulosa e o charme andaluz de José Antonio, deica se converter tamén il nun camisa azul de primeira hora. É probable que aquel falanxista ourensán de Ferrín descoñecese o termo capea, que hoxe vemos rescatar do glosario castizo do señorito andaluz polos estudantes á xaneira do Colexio Maior Elías Ahúja. El procedía dunha terra de bois e de vacas, sen touros nin becerras bravíos que tourear as noites de lúa grande. Non se pode ter todo.

“A que veñen amolar coas súas loitas de clase —dixo— como se os intereses dos patróns e dos obreiros fosen opostos!”. Laiábase o pai ante o seu fillo nunha das visitas á fábrica familiar dos Fleurier, en Noalles. Non podemos dicir que a historia se repita porque nunca deixou de acontecer: está por redimir aínda a casa Cornide que Barrié lle entregou a Franco en pago de prebendas ominosas. Hoxe a clase obreira si deixou, porén, de chamarlle ás cousas polo seu nome.