Cóntanos Umbral n’A noite que cheguei ao Café Xixón que a entrada de Fidel Castro na Habana foi celebrada con entusiasmo nas páxinas de Arriba como se se tratase dunha especie de “falanxismo paralelo”. O equívoco durou o que durou, e pronto empezou a inzarse Madrid cos primeiros “cubanitos o gusanos”, en palabras do propio Umbral, fuxitivos da illa: non se sostiña a falacia da oposición entre fascismo e capitalismo. Eran tempos nos que a ultradereita aínda precisaba revestir os seus verdadeiros obxectivos, a restauración dunha orde social baseada na propiedade privada, con retórica obreirista e bandeiras negras e vermellas calcadas da CNT.

Nada a ver co neofascismo que vemos abrollar hoxe de novo en Europa e que profesa unha política económica dun rigorismo neoliberal digno do Hayek d’Os camiños da servidume, o libro que Churchill imprimiu e distribuíu masivamente na campaña electoral de 1945, a que acabaría perdendo contra os laboristas. A clase obreira inglesa non quería repetir o acontecido logo da I Guerra Mundial, na que eles puxeran os mortos e atoparan, ao regresar á casa, desemprego masivo, sanidade e vivenda accesibles unicamente para quen puidera pagalas, e decidiron mandar a Sir Winston para a casa a escribir as súas espléndidas memorias. Foi o comezo dun ciclo de nacionalizacións, ampliación de dereitos e servizos públicos que coñecemos como estado do benestar, que trinta anos máis tarde comezaría a desmantelar Margaret Thatcher e que hoxe vemos perigar mesmo no seu bastión escandinavo coa chegada ao goberno sueco dunha coalición de conservadores e ultradereitistas.

Unha vez máis, e en contra do previsto mesmo por Sarkozy no 2008, a crise en curso do Capitalismo non vai servir para recuperar o prestixio da hipótese da súa superación, é dicir, do comunismo, senón para afondar cada día un pouco máis na fase de regresión autoritaria e chauvinista que hoxe padecemos, exacerbada pola guerra de Ucraína. Aínda así, e a pesar do silencio informativo habitual nestes casos, non parece que no Reino Unido a solución neoliberal estea conducindo o país cara a ese paraíso de prosperidade comunal baseado no individualismo feroz profetizado polos teóricos do anarco-capitalismo. Todo o contrario.

Porque está ben que ti lle digas á xente que o estado do benestar é unha fábrica de vagos e, ultimamente, tamén de subsidios para persoas de raza non caucásica que pagamos entre todos, pero outra cousa son os xestores dos fondos de pensións ingleses, que teñen que garantir a viabilidade duns depósitos de máis de 2 billóns de euros, o dobre do PIB español, investidos maiormente nos títulos de débeda pública inglesa a 25 anos. A eles a Curva de Laffer —a que promete máis ingresos do estado con menos impostos e pola que torce Liz Truss, a nova e seica fugaz premiére conservadora— parécelles tan fiable como a Dieta de Atkins a longo prazo, que tamén adelgaza a forza de comer unicamente graxas e touciño a esgalla. O malo son os danos irreversibles no fígado e no corazón.