A lexislatura da mobilidade sustentable

Santiago Lago Peñas

Santiago Lago Peñas

A lexislatura que comezará nuns días para os concellos debera ser un período de mudanza radical no xeito no que nos movemos nas nosas cidades.

Precisamos melloras no transporte urbano colectivo e na intermodalidade que fagan máis atractivo e eficaz o uso destes medios. Renovación da, en xeral, anticuada frota de autobuses nas cidades galegas, para facelos menos contaminantes e máis cómodos; ampliación de horarios e frecuencias, e boas conexións entre buses e trens para que resposte ás necesidades das persoas; carrís reservados para autobuses para darlle vantaxes comparativas.

En segundo lugar, ten que reducirse substancialmente o número de automóbiles particulares no centro das cidades: redución de prazas de aparcamento en superficie, aumentos na superficie peonalizada, limitación de tempos de estacionamento no centro, aparcamentos disuasorios ben atendidos polo transporte colectivo para quen vén da periferia. E tería sentido incorporar á oferta de mobilidade individualizada servicios de VTC hoxe anecdóticos en Galicia, como os que presta Cabify, Uber ou Bolt.

Finalmente, aposta forte por todos os tipos de mobilidade branda. Carrís bici onde se poida e compartir plataformas onde non, reducindo velocidades de tránsito en xeral. Temos que potenciar os desprazamentos a pé, axudando con escaleiras mecánicas ou elevadoiros nalgúns puntos difíciles en cidades con desniveis grandes, como Santiago de Compostela ou Vigo. Mover as pernas a cotío é unha boa receita contra problemas hoxe estendidos como son a obesidade, o estrés e os problemas cardiovasculares.

Certo que o anterior require tamén mudanzas nas mentalidades. A xente ten que cambiar hábitos polo ben de todos, tamén deles mesmos. A experiencia de cidades más grandes demostra que non é imposible.

Suscríbete para seguir leyendo