O PSdeG necesita consolidar o seu liderado diante das vindeiras Eleccións ao Parlamento de Galicia

Ex deputado autonómico e candidato á secretaría xeral do PSdeG nas primarias de 2017

Este pasado sábado 30 de xullo a comisión executiva do PSdeG-PSOE acordou convocar o proceso de primarias internas para a elección da persoa que asuma a responsabilidade de ser candidata á presidencia da Xunta de Galicia nos vindeiros comicios autonómicos, que agás no suposto de adianto co que se especula frecuentemente, poderían coincidir coas Eleccións ao Parlamento Europeo fixadas para o 9 de xuño de 2024. Así que urxe clarificar sen máis dilacións a nosa candidatura diante do electorado.

A votación para este novo proceso de primarias no socialismo galego fixouse para o vindeiro 17 de setembro, unha data algo chamativa, xa que pode coincidir coas datas da posible investidura do presidente do goberno central. Esta convocatoria de primarias á presidencia autonómica realizase tras as Eleccións Locais do pasado 28 de maio e as Xerais do 23 de xullo.

Nestes dous procesos electorais o PSdeG, sen entrar agora nos datos concretos xa publicados, non obtivo os resultados agardados, senón que retrocedeu sensiblemente no número de concelleiros e deputados, situándonos así nunha posición máis feble no escenario da política galega, no que o Partido Popular liderado por Alfonso Rueda mantén unha posición reforzada tras estes comicios, o BNG de Ana Pontón tamén segue unha ruta ascendente e onde parece que Sumar vai participar tras os seus resultados do 23-X.

Neste escenario, no que se pode producir así unha nova fragmentación do voto na esquerda galega, resulta necesaria unha importante capacidade mobilizadora do electorado progresista. Só baixo esta premisa estariamos en posición de cambiar a cor política do goberno autonómico, e polo tanto de poder iniciar en Galicia unha nova etapa de avance social e económico. Pero para este reto resulta imprescindible a presenza sólida e diáfana da candidatura socialista á Xunta de Galicia.

Na nosa tradición e historia política temos vivido etapas onde o secretario xeral do partido ten concurrido como cabeza de cartel á presidencia da Xunta, noutras conviviron ambos liderados na chamada e sempre debatida “bicefalia”. Os datos, agás os importantes resultados obtidos por Fernando González Laxe con Antolín Sánchez Presedo como secretario xeral, mostran como o partido presenta unha maior fortaleza social e orgánica cando quen ostenta a secretaría xeral é tamén candidato nas eleccións autonómicas. A etapa de Emilio Pérez Touriño así o demostra. E esta opción organizativa e de liderado unificado é a tónica habitual na meirande parte das federacións socialistas do resto do Estado, sendo sempre clara esta opción na secretaría xeral federal.

En outubro de 2021 Valentín González Formoso foi elixido secretario xeral do PSdeG, sucedendo así a Gonzalo Caballero. Distintos medios, entrevistas e declaracións cruzadas veñen dende hai meses poñendo enriba da mesa distintos nomes que poderían encabezar a nosa candidatura á presidencia da Xunta. Por suposto que nos procesos de primarias calquera militante pode presentar a súa candidatura, pero parece inescusable que quen ostenta a secretaría xeral tamén opte a ser candidato á Xunta de Galicia.

Os partidos, sendo organizacións cos seus entramados internos de poderes, son, ou deben ser, esencialmente instrumentos de cambio ou transformación social. O liderado orgánico, interno, ten que proxectarse cara á sociedade, sen dobleces. A opción contraria debilítanos no actual escenario político, e debilita polo tanto ao conxunto das forzas progresistas, máxime se queda cada día menos tempo para a cita electoral en Galicia.