A nosa gramática negada

Xosé Luís Axeitos

Xosé Luís Axeitos

A finais do século XV o castelán era unha lingua que non tiña sitio na universidade onde todas as materias se impartían en latín. Por este motivo a Gramática sobre la lengua castellana (1492) de Nebrija foi considerada nesa época, unha extravagancia incualificable que non foi reeditada ata o século XX se exceptuamos a edición “arqueolóxica” de 1747. A audacia intelectual do gramático sevillano, que pretendía dignificar unha lingua “vulgar”, foi cualificada polos estudosos do humanismo, con sobrada razón, como unha loita contra os bárbaros (F. Rico, Nebrija frente a los bárbaros, Salamanca, 1976).

O debate entre o latín e as linguas vulgares, nomeadamente en Italia e Francia, continuou nos séculos posteriores e a Academia francesa, creada en 1636, sufriu as consecuencias cando tivo que decidir en que lingua, latín ou francés, debía ser iniciado nas Letras o Delfín, nacido en 1661, fillo de Luís XIV. Os numerosos eloxios de que foi obxecto o idioma francés nesta época non pretendían outra cousa que conseguir a herdanza do latín como lingua universal e non reparaban en medios para lograr a transferencia do prestixio da antigüidade ao seu idioma. Por esta razón, despois de séculos de sonados eloxios, (e das guerras napoleónicas!), aínda Joseph Vendryes (1875-1960) non comprendía como unha lingua tan perfecta como o francés non era proclamada lingua universal. Nun debate virtual, o acreditado lingüista Koldo Michelena dalle doada explicación ao francés atribuíndo a postergación do seu idioma á intervención, escasamente cultural por certo, da VI Flota, de Patton e da General Motors durante a II Guerra Mundial. Unha maneira contundente de manifestar as estreitas relacións que manteñen as linguas e o poder e que nos suxire unha revisión dos numerosos conflitos que os medios de comunicación atribúen ás lingua e os seus falantes. E temos que comezar por apuntar que o monolingüismo é unha excepción porque das 195 nacións do mundo, 163 son bilingües ou trilingües; esta realidade foi e segue a ser silenciada interesadamente pola tendencia dominante a unir a idea de Estado a unha única lingua debido aos intereses da expansión colonial, interesada en reforzar a idea de que a lingua colonizadora significaba poder e prosperidade trasladando o concepto teolóxico de unidade ao campo político.

Pero, sentado estatísticamente o carácter bilingüe da poboación mundial, o realmente importante é reflexionar sobre as razóns polas que nalgunhas sociedades se producen problemas e enfrontamentos, mal denominados lingüísticos, e noutras, non. A tranquilidade con que se vive o bilingüismo en Suiza ou Luxemburgo, contrasta coa crispación bélica coa que se vive en Bélxica ou en España. A única explicación sensata é que as linguas de conflito son as que reflicten outros problemas soterrados: desigualdades sociais e políticas que os falantes destes idiomas periféricos están desposuídos da capacidade de poder narrar porque non dispoñen de VI Flota que asume en exclusiva o papel de contar o que ocorre no mundo. Cando D. Antonio de Librixa escribe a súa gramática castellana está a loitar contra o imperio do latín, para escenificar a existencia dun idioma, o castelán, que non contaba nas esferas do poder.

Estamos a vivir hoxe esta mesma situación cando reclamamos e celebramos que o galego sexa visible no parlamento español, falado polos nosos representantes políticos para certificar a existencia da nosa fala. Esta conquista mínima foi conseguida mediante un acordo político e non coas armas lexitimadas dun exército estatal poderosamente dotado. Poñer o acento, para descualificar esta presenza palamentaria, no custo que ocasiona, é como renunciar á curación dunha enfermidade alegando os custos elevados do remedio curador.

Soamente desde un espírito sipaio —soldado hindú ao servizo dos colonizadores británicos— se pode combater e negar a presenza testemuñal no parlamento español da “nosa gramática”, historicamente negada polos “bárbaros”.

Xosé L. Axeitos é académico numerario da Real Academia Galega