O Resorgimento de Sánchez

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Como é ben sabido, cara á metade do século XIX a actual Italia estaba dividida en diferentes estados —o reino de Lombardia e Venecia formaba parte, mesmo, do Imperio austríaco—. Tras o fracaso de diversas tentativas, e na procura de acadar a Unificación, o primeiro ministro do Piamonte-Sardeña, Camillo Paolo Benso, conde de Cavour —que, ao cabo, deviría presidente do Consello de Ministros do nacente reino de Italia—, comprendeu que tan só co concurso das forzas do II Imperio francés sería posible atinxir semellante proceso. E, en efecto, o 25 de xuño de 1859, piamonteses e franceses derrotaron o exército de Francisco Xosé I de Austria na batalla de Solferino; mentres, no sur, a Expedición dos Mil, comandada por Giuseppe Garibaldi, aseguraba a anexión do reino das Dúas Sicilias. Porén, o prezo da axuda francesa non foi calquera: polo tratado de Turín (marzo de 1860), o ducado de Savoia e asemade o condado de Niza —terra natal de Garibaldi, quen nunca perdoaría a cesión— pasaban a formar parte dos dominios de Napoleón III. “Siamo trafficanti o banditi”, concluíu o propio Cavour logo de verse na obriga de asinar a transación. En fin, como el mesmo adiantara “os consellos da diplomacia e os congresos das nacións non están regulamentados por normas de dereito estricto, senón que pronuncian sentenzas que non son xustas e, para maior desgraza, inapelables.”

Certamente, este cronista descoñece por completo aquilo que, da súa parte, poden percibir/non percibir don Pedro Sánchez e mais os seus respecto das circunstancias e episodios varios do Resorgimento italiano. Mais en todo caso, si que estamos, desde estoutra beira do Mediterráneo, nun proceso no cal as cesións/contracesións dos diferentes implicados no mesmo ben poden gardar algunha semellanza con aquelas vividas polo Parlamento piamontés hai agora cento sesenta e tres anos; ao cabo, e a pouco que o deixen circular ao seu aire, don Carles Puigdemont parece resultar alguén moi capaz, chegada a oportunidade, de arrogarse violetas imperiais. Pero con todo, do que de veras si se trata agora, iso vén ser, en realidade, se é que acontece ao certo que, tal e como Cavour naquela xeira doutrora, tamén Sánchez ten nos nosos días un verdadeiro plan que veña xustificar a súa tortuosa andaina e, no remate de contas, redimilo diante de propios e alleos.

Non sei vostedes, mais si que teño a sensación de que don Pedro e compañía chegasen á firme conclusión de que para reunificaren (sic) España cómprelles, xustamente, —coñecido é o que o universo gosta dos paradoxos— aceptala na asimetrías que a conforman. Traducido: que non parece moi posible gobernar esta nación de nacións, tribo de tribos, autonomías revoltés e etc sen gozar antes de beneficios electorias en Cataluña e Euskadi. Máis ás claras aínda: desactivaren como queira que sexa —incluso co custo de (case) cederlle por completo o seu particular condado de Niza a dona Isabel Díaz Ayuso— a “bomba” catalá e tentaren, Salvador Illa polo medio, converterse na principal forza presente nas dependencias parlamentarias do Parc de la Ciutadella. Desde logo, o primeiro paso para tal proceder xa está dado: reactivando outra volta as vellas alianzas de González coa monarquía, velaí que Filipe VI vén de sancionar con toda a legalidade a nova presidencia do líder socialista.

Alén diso, e comprobando, doutra parte, a composición do novo Executivo, coido que Sánchez vén de dar así mesmo unha segunda pisada no seu propósito. Sen rastros xa de podemismo no Consello de Ministros, e malia todo o desenvolvemento negociador/fashion despregado por dona Yolanda Díaz, a socialdemocracia española ben pode aspirar, daquela, á recuperación daqueloutro concepto de “casa común da esquerda” —que non esoutro da “esquerda plural”— que tanto lle prestara a José Luis Rodríguez Zapatero antes da catástrofe do 2008. En fin, sen dúbida, e como anotamos, trataríase dun esplendente deseño.

Será auténtica, irá adiante a tal e/ou terá don Pedro aínda outra estratexia gardada na gaveta “por si es caso”? Na hora presente, o flamente reelixido presidente non ten necesidade de preguntarse tan sequera cómo é que está a actuar moralmente; diso xa se veñen ocupando, xornada si e xornada tamén, os dilixentes representantes da oposición. Non obstante, e aprofundando máis máis no paradoxo, acaso un día lle vaian agradecer os seus contrarios a Sánchez que viñese ser el mesmo quen lles fose clarexar o camiño para poderen participar dos redentementos das asimetrías e concluíren, xa que logo (“donde dije digo, digo Diego”), acordos de gobernanza cos sucesores de Puigdemont. Para poderen interrogarse, eles mesmos, se deviron tamén “trafficanti” ou “banditi”.