Sobre o baño no Parrote

Ricardo Vales Plataforma Defensa do Común

Como impulsor dunha boa parte das 2832 sinaturas entregadas no Concello ao entón concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, para que se levantara a prohibición do baño no Parrote, véxome na obriga de precisar que a petición facía mención unicamente ao feito de que se acotara unha zona de baño, sen ningunha outra consideración que puidera interpretarse como a reivindicación da plataforma flotante anunciada polo presidente da Autoridade Portuaria.

Como é sabido, a antiga praia do Parrote foi eliminada no seu día para construir o complexo polideportivo da Solana sen que a veciñanza da Cidade Vella, ao igual que cidadáns de outros lugares, foran resarcidas pola perda dun espazo que formaba parte de común. Elo non me impide recoñecer a receptividade amosada por Fernández Prado á citada petición.

Sirvan estas liñas como aclaración a moitas dúbidas xurdidas respecto a unha obra que considero innecesaria polo alto coste que implica e pola degradación da paisaxe do borde litoral.