Opinión

Principio da incerteza

Heisenberg formulou este teorema polo cal é complicado coñecer, con absoluta certeza, cal é a posición e o momento dunha partícula subatómica. Ao contrario da física newtoniana, na escala cuántica cando tentamos medir algo xa o estamos alterando. Un xeito de explicalo é que o método de observación, e o observador, inflúen no que estamos a ollar. En política, por exemplo, se un votante de Ayuso comenta algo do caso Koldo, acaba pedindo, non a entrega inmediata da acta de Ábalos, senón a mesmísima dimisión de Pedro Sánchez. Mais, se este mesmo observador cita o asunto de Alberto González (a parella da presidenta, si home, o das facturas e as mascarillas) pois argumentaría o perdón cun resolutivo: “Iso pásalle a calquera”. O observador, sen dúbida, altera o sistema porque ambos casos cheiran.

As findes préstanse, poñamos por caso, para facer sendeirismo. Pois ben, se quen calza as botas é un deses asalariados de Fenosas, Endesas ou Iberdrolas e patea a venteada serra do Xistral sorrirá coa cantidade de muíños para a produción de enerxía limpa, aínda que estridente á vista e barulleira. Pola contra, se quen camiña é un dos veciños que continúa residindo no alto estará farto de escoitar —noite e día— como se un Airbus C295 (un dos grandes avións de hélices) estivera a piques de despegar ao lado da sua casa. Máis unha vez o Principio da incerteza: se estás na nómina da eléctrica nin reparas no bruído, só fas cálculos dos millóns de euros que produce cada turbina e os dividendos que reportará aos accionistas. No caso contrario, aqueles xigantes brancos movendo os brazos sen descanso, provocan unha enorme dor de cabeza.

De cando nos noventa os daneses de Vestas, comezaban a vender (e instalar) os aeroxeradores para os primeiros parques eólicos, en Galicia —para facerlle as beiras á Xunta, aos veciños e aos concellos— rápido prometeron centos (miles?) de postos de traballo e incluso algunha fábrica que abastecera o necesitado mercado galaico. A última desas industrias, asentada en Viveiro, pechou no 2022. Vestas liscou ca factoría e os muíños quedaron, movéndose. Se cadra foi un erro. Porque todas aquelas instalacións da primeira febre eólica toca xa renovalas (a vida media dos parques é de 20 a 25 anos) e alguén terá que fabricar novos equipos. Haberá que valorizar tamén todo ese refugallo, o caducado e o que chegará . Polo momento Naturgy (propietaria de Fenosa) abrirá en Almazán (Soria) unha empresa para reciclar turbinas, palas e diverso material eléctrico. Endesa prepara un proxecto semellante en Cubillos del Sil (León). E aquí?... Farán coma no estado de Wyoming (EE UU) onde optaron por soterrar as palas e morra o conto. Incerteza. Nin Heisenberg sabe!

Suscríbete para seguir leyendo