Queremos Galego animou hoxe aos pais e titores de alumnos de educación infantil a cubrir os formularios --dispoñibles na súa páxina web-- que, tras recolectar, entregará no rexistro da Xunta, co obxectivo de reclamar ensino en galego para este grupo escolar.

O texto ten como destinatario ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, ao que se lle demandan "as medidas pedagóxicas" que se adoptarán para que o neno "aprenda en galego, reforzando e afianzando" o idioma propio de Galicia.

Nesta dirección, solicita que "se garanta o dereito a dispoñer dun ensino en galego na etapa de educación infantil", de acordo co artigo 8.1 da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e co disposto no apartado 13.1 da Lei de normalización lingüística.

"Que se me informe das medidas concretas de atención individualizada que o meu fillo/filla vai recibir en lingua galega", finaliza reclamando o formulario de Queremos Galego.