A sanidade será "o gran servizo público" que como tal aparecerá reflectido nos orzamentos de 2011, o que permitirá dar continuidade ao actual ritmo investidor da Consellería desta materia e "estase investindo máis en sanidade que nos mellores momentos da economía galega".

Así o expuxo hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no transcurso da inauguración do centro de saúde de Carballedo (Lugo), onde estivo acompañado, entre outros, pola titular da Consellería de Sanidade, Pilar Farjas.

O titular do Executivo galego dixo que se está dando un impulso "sen precedentes" á sanidade pública na Coruña, Ourense e Ferrol, para finalizar as obras dos hospitais de referencia nestas áreas.

Utilizou a mesma expresión ("impulso sen precedentes"), para referirse á cidade de Pontevedra, onde, lembrou, se optou por abandonar a idea de ampliar o vello hospital, para decantarse por un hospital novo, que, avanzou, se iniciará en 2011.

O mesmo dixo para Vigo e anunciou que neste mes de outubro se adxudicará "o máis grande hospital público que se faga en España nos próximos anos".

Tamén falou de "impulso sen precedentes" para a sanidade pública de Lugo, coa próxima posta en funcionamento, o día 22 de novembro, do novo hospital, onde, dixo, "encontrámonos un edificio baleiro e convertémolo nun hospital dotándoo cun investimento de máis 33 millóns de euros".

Despois de remarcar que este impulso tamén se producirá na atención primaria, o presidente comprometeuse a que en 2011 a sanidade "quede blindada desde o punto de vista orzamentario".

Con carácter xeral, dixo que reafirma a "aposta" da Xunta de Galicia polas prestacións sociais, que constitúen "un dos eixes do Goberno".

Fixo fincapé en que a pesar da difícil situación económica deste momento "pase o que pasar, as prestacións sanitarias continuarán a ser unha prioridade do Goberno da Xunta nos seus orzamentos".

Ademais, comprometeuse á licitación, antes de que conclúa o presente ano, de 18 centros de saúde simultaneamente, para que neste ano e no vindeiro "cubramos o compromiso da priorización dos servizos públicos esenciais e, dentro deles, a sanidade será o gran servizo público dos orzamentos de 2011".