O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, asegurou este mércores que espera que non haxa "ninguén" en Galicia que "estea a animar" ao Ministerio a recorrer o catálogo priorizado de fármacos como, subliñou, aconteceu "con outros recursos" que se presentaron nesta lexislatura e que "foron instigados" dende a Comunidade.

Manifestouno nunha rolda de prensa celebrada na Cámara autonómica, onde insistiu en que espera que se o Ministerio dá o paso sexa "unha iniciativa autónoma", aínda que se reafirmou en que sería unha medida "totalmente inxustificada e que non ten base legal".

"Pero bo, á vista dos últimos pronunciamentos do Tribunal Constitucional (TC), vemos que non é un tribunal precisamente imparcial", engadiu, a liña seguida, antes de concluír que o BNG defende os "intereses" de Galicia e que o gasto sanitario sexa "eficiente de verdade" e non que se destine "a encher os petos de ninguén".