Dezaoito mozos galegos con idades comprendidas entre os 21 e os 30 anos partirán, nas vindeiras semanas, cara diferentes países europeos para desenvolver proxectos de voluntariado en entidades de acción social gracias ao programa Xuventude en acción, xestionado pola Fundación Paideia, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta e o Instituto da Xuventude (Inxuve), e financiado pola Comisión Europea.

Os rapaces permanecerán entre seis e doce meses nos seus destinos, e realizarán actividades vencelladas á infancia, á xuventude, ao medio ambiente ou á cultura. Polonia, Hungría, Italia, Rumanía, Alemania ou Francia son algúns dos países que acollerán aos participantes no proxecto de cooperación, que "ademáis de aprender, realizarán un traballo solidario", salientou, onte, a presidenta da Fundación Paidea, Rosalía Mera.

O boirense Adrián Sánchez é un dos voluntarios galegos que está a piques de facer a maleta. Pasará os vindeiros nove meses en Hungría, impartindo clases de música a outros rapaces e, malia que será a primeira vez que saia de España, e que nunca antes traballou en labores de voluntariado, móstrase tranquilo ante a viaxe que está a piques de emprender. "Apetéceme moito coñecer outras culturas; coido que vai ser unha experiencia moi beneficiosa para min", sinalou.

Miriam Fernández, do concello de Xove, na Mariña lucense, é outra das participantes no programa de voluntariado xestionado por Paideia. "Marcho doce meses para Francia, e alí traballarei no ámbito da xuventude, impartindo clases de cultura española", explicou Miriam, quen xa pasou unha temporada no extranxeiro, concretamente en Reino Unido, traballando coma au pair. "Tal e como están as cousas aquí, a miña ilusión é poder quedar a traballar no extranxeiro", destacou.

O programa de voluntariado europeo de Paidea botou a andar en 1999, e nel teñen participado xa un total de 281 mozos galegos, ademáis de 78 extranxeiros.. O único requisito que se esixe aos rapaces é que teñan entre 21 e 30 anos (Paideia encárgase de recoller as solicitudes, entrevistar aos mozos, etc... pero a elección final dos voluntarios corre a cargo das entidades receptoras). As convocatorias de presentación de proxectos realízanse nos meses de febreiro, maio e outubro.