Mulleres, galego, escola, afectos, Xaime Isla Couto e, especialmente, nenez, onde se constrúe a identidade do ser humano, onde cabe "o universo enteiro". Foron algunhas das paradas na viaxe coa que Fina Casalderrey ingresou onte na Real Academia da Lingua, un periplo no que reivindicou a semente que agroma en nós nas primeiras idades e no que pediu á Academia que "preste especial atención a esta literatura que non renuncia a explorar os corazóns adultos".

O Teatro Principal de Pontevedra foi o escenario da sesión extraordinaria da RAG para dar a benbida a autora. "Son de Pontevedra, onde as pedras teñen alma", lembrou esta autora que se definiu no seu discurso como "unha mestra da escola a quen lle deu por escribir, igual ca a moitas e moitos outros que formamos parte desa xeración que Manuel Bragado deu en chamar Xeración lamote".

Varios dos integrantes desa xeración literaria acompañaron onte a Casalderrey no acto, no que tampouco faltaron reprentantes políticos como a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; López Besteiro, secretario xeral dos socialistas galegos, ou o exministro de Xustiza, Francisco Caamaño. Viaxe á semente. Dende os refachos do corazón ata onde habita o impaxinario foi o título que escolleu a escritora para o seu discurso, que principou cun agradecemento a "esas mulleres que tomaron a palabra para nos dar a coñecer outras maneiras de ler o mundo": Rosalía, Concepción Arenal, Ernestina Otero, María Xosé Queizán...

"Estudiei e namorei onde se forxou o galeguismo, na Castroforte de Baralla de Torrente", lembrou antes de lembrar os primeiros cursos de galego, onde profesores e alumnos "eramos conscientes da importancia de rescatar a fonética e de pórmonos de acordo a hora de fixar un léxico... ". "Fixo votos porque se recupere aquel ímpeto, porque os docentes sexan quen "de facer que, ao remato do curso, lean e escriban mellor pero, sobre todo, que o falen e lle queiran máis".

Tal e como manda o protocolo, no discurso de Casalderrey non faltou unha intensa lembranza ó seu predecesor na cadeira da RAG, Xaime Illa Couto. - tras da lembranza, o cerne do discurso, un final de viaxe ata onde habita o imaxinario, ata concluir que "o universo enteiro cabe na memoria da infancia e, polo tanto, son moitos os coidados que eses xermolos merecen". "A infancia dos e das que escribimos, ese lugar ao que regresamos inflúe na nosa maneira de contar e no que contamos. Autores de toda a xeografía universal e de todos os tempos buscan nas paisaxes da nenez esa fondura que carga de vitalidade ás súas creacións".